Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CAMPAÑA DE ANIMACIÓN Á LECTURA POLO NADAL

"Cultura aberta" fóra dos circuítos tradicionais

Hospitais, lonxas, cárceres e residencias da terceira idade de todo o país son os lugares que escolleu a Consellería de Cultura para achegar a programación cultural de Nadal a contextos que normalmente quedan fóra dos circuítos oficiais. A actriz Paula Carballeira abre este luns na Coruña unha programación que se basea na animación á lectura e que incluirá actividades como contacontos para nenos e adultos, recitais poéticos, obradoiros de ilustración, regueifas, teatro e actuacións musicais.

- 14:22 09/12/2005
Tags:

As actividades comezarán este luns 12 ás 11.45 cua actuación de Paula Carballeira no Hospital Materno ‘Teresa Herrera’ do Juan Canalejo, e continuarán co grupo Migallas no Cristal Piñor de Ourense ás 11 horas. Os servizos de pediatría de 10 hospitais galegos acollerán estas actividades, que nuns casos terán contacontos e entrega de libros e noutros só se entregarán libros por non haber nenos e nenas internas.

Nas institucións penitenciarias o programa comezará o venres 16 en Teixeiro (Curtis, A Coruña) cunha actuación de Cándido Pazó ás 11 horas e outra de Avelino González en Pereiro de Aguiar (Ourense) ás 17 horas. Ademais das actuacións nos cinco cárceres de Galiza, a Consellería entregará un lote de libros para cadansúa biblioteca das prisións.

Pola súa banda, Paula Carballeira e os grupos Migallas, a Locamotora e Buratini, ademais de varios ilustradores, visitarán oito lonxas da Costa da Morte: Lira, Muros, Fisterra, Corcubión, Corme, Laxe e Muxía. En todos estes pósitos está prevista a doazón de libros, a realización dun obradoiro de ilustración e unha sesión de animación á lectura. A programación dará comezo na confraría de Lira o xoves 22 de decembro, día no que terá lugar un obradoiro de ilustración con Pepe Carreiro e se presentará o libro ‘Os bolechas van ao mar de Lira’. Esta primeira experiencia de actividades culturais nas confrarías da Costa da Morte extenderase nos vindeiros meses a todos os pósitos da costa galega.

En canto á terceira idade, un total de 18 residencias acollerán actividades neste Nadal, que contarán con actuacións de Mini e Mero, regueifas e música con Pinto d’Herbón e Luís Caruncho, contacontos con Santi Prego, Cándido Pazó, Avelino González e Ricardo de Barreiro.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: