"O que veu a dicirme Pepe foi que en vista dos resultados dáballe liberdade aos que en Ourense lle manifestaran o seu apoio porque el non continuará na carreira pola sucesión de Fraga", explicou o presidente da Deputación de Ourense este martes. Xosé Luís Baltar confirmaba así o que viña insinuando os últimos días logo que Xosé Cuíña non conseguise en Pontevedra a metade dos compromisarios que lle esixira coma condición para apoialo no congreso de xaneiro. Prognosticando que nesa cita haberá xa unha lista única, Baltar achega agora os seus avais cara a Alberto Núñez Feijoo.
"Xosé Cuíña comunicoume que lle dá liberdade aos compromisarios que inicialmente apostaran por darlle o seu apoio en Ourense". Así o anunciaba Xosé Luís Baltar este martes en Ourense, un día despois de ter reunión con Cuíña para trataren da súa estratexia futura no PPdeG logo que a recente votación de compromisarios para o congreso do partido en xaneiro rematase co ex vicepresidente primeiro, Alberto Núñez Feijoo, coma claro gañador. "Chegamos á conclusión de que malia o apoio a nivel persoal que eu poida darlle, é moi difícil para min involucrar aos alcaldes ourensáns en algo onde non se ve saída", relataba Baltar confirmando ao tempo que fronte ás escasas posibilidades nese escenario, Cuíña decidiu finalmente retirarse da loita polo liderado do PPdeG.
Baltar recoñeceu ademais que o medio milleiro de avais dos compromisarios ourensáns que el controla estreitamente irían agora cara á saca de Feijoo, "o único candidato de Ourense". O xogo de poder aberto fronte á fin da era Fraga no PP galego, achega así paradoxalmente a Baltar cara ao sector representado por Núñez Feijoo, co que amosara un claro distanciamento e que mesmo levara a que o ex vicepresidente non puidese atopar acomodo na lista ourensá para as últimas eleccións autonómicas, pasando a encabezar a de Pontevedra.
Hábil negociador, lembrámoslles que Baltar xa preparara a súa posición para este posíbel escenario con dous significativos movementos nas últimas semanas. En primeiro lugar o requerimento a Xosé Cuíña da metade da metade dos compromisarios pontevedreses coma condición mínima para garantirlle os avais ourensáns. E por outra parte, e na convicción de que ese desafío comezaba a aparecer complicado para Cuíña, a última hora Baltar arranxara tamén co sector de Feijoo unha lista de consenso en Ourense con representación de "boinas" e "birretes".
Xa que logo, as negociacións que se abrirán a partir de agora, garántenlle a Núñez Feijoo a postura de privilexio no diálogo co ex vicepresidente segundo, Xosé Manuel Barreiro, debilitado logo do pulso interno con Francisco Cacharro en Lugo e, por outro lado, aseguran a cota de poder para os baltaristas no escenario posfraguista.