Madrid e Cataluña son as comunidades cos fogares con maior nivel de ingresos, 25.493 e 24.763 euros coma media respectivamente, cifra que no caso de Galiza queda nos 20.102 euros, segundo as cifras feitas públicas polo INE este luns. Esa estatística amosa tamén que o ingreso por persoa que nesas dúas comunidades acada os 9.111 e 9.064 euros en cada caso, é en Galiza de 6.925 euros por galego. Contámoslles por outro lado que segundo o indicador laboral IESE-Adecco de comunidades autónomas, os galegos sufriron no último trimestre da maior caída do "salario real".
A porcentaxe de persoas que en Galiza vive por baixo do que se considera umbral de pobreza chega ao 21,2% do total segundo rexistra a última sondaxe sobre condicións de vida do Instituto Nacional de Estatística. A nivel estatal, a media queda no 19,9%, e esa porcentaxe acada o seu máximo en Estremadura, onde chega ao 37% e amosa o mínimo en Madrid e Euscadi, con porcentaxes do 9,5% e o 11,2% sobre o total da súa poboación.
Significativa nese estudo é tamén a análise de fogares segundo o treito de ingresos que suman os seus integrantes, que no caso galego amosa unha maioría de familias (18,9%), no treito de ingresos máis baixo, o dos que non chegan aos 9 mil euros ao cabo do ano. Tomando os casos de Cataluña, Madrid, ou o máis próximo de Asturias, a maioría de fogares aparecen no treito estatístico dos que ingresan anualmente entre 25 mil e 35 mil euros.
Contámoslles por outro lado da publicación do último Indicador Laboral "IESE-Adecco" de comunidades autónomas, ILCA, segundo o cal os traballadores galegos levan experimentado unha caída interanual do seu poder adquisitivo de até o 1,6%, aparecendo por segundo trimestre consecutivo coma a comunidade entre as estudadas onde máis caen os salarios reais e sumando xa tres anos sen melloras nese indicador. Desta estatística tamén reparamos na suba de 1,9 puntos no índice de temporalidade, que chegou ao 37,5% do total de traballadores, cun 80% dos novos postos de traballo creados a través de contratos temporais.