Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SEGUNDA SEMANA DE NEGOCIACIÓNS

A UE promete cumprir con Quioto antes de 2012 e EEUU e os países emerxentes néganse a compromisos

Escasos foron os avances os rexistrados durante a primeira semana de debate no cumio internacional de Montreal sobre as metas a fixar máis alá de 2012, cando deixe de ter vixencia o actual acordo de Quioto. Alén da concurrida manifestación, preto de cincuenta milleiros de persoas, que se mobilizaron ás portas da xuntanza para presionar a prol dos compromisos, o máis destacado foi a vontade, expresada desde a delegación da Comisión Europea, de traballar para que a UE lidere a loita contra o cambio climático asegurando que os eurosocios garante o cumprimento dos acordos.

- 11:22 05/12/2005
Tags:

Malia todo, o compromiso europeo é claramente insuficiente para que a loita contra o quecemento global se amose efectiva toda vez que os países en vías de desenvolvemento terán cara a ese ano un protagonismo crecente na emisión de gases contaminantes e polo momento non hai indicio claro de que vaian aceptar compromisos claros para combater esa situación.

Estados coma a India, China ou Brasil aos que no momento de asinar o acordo de Quioto se lles estableceron cotas fixadas segundo os seus niveis de emisión nese momento, multiplicaron as súas porcentaxes de emisión de gases nos últimos anos, facendo necesaria unha revisión desas taxas, iniciativa á que de momento se negan. Nese bloqueo apenas asoma unha pequena fenda coa posición do actual goberno brasileiro, que estaría disposto a asumir novos compromisos sempre e cando teñan un carácter estritamente voluntario e non se establezan penalizacións concretas para o caso de que non poidan cumprir, propoñendo así un punto de encontro ao que se poderían sumar outros países. A chegada ao cumio a mediados desta semana dos ministros de Medio Ambiente dos países presentes podería achegar algún acordo.

De xeito paralelo, non houbo pista nestes primeiros días de debate sobre unha posíbel flexibilización da postura dos EEUU, que lideran o boicot a calquera tipo de acordo, e na súa condición de principal contaminante planetario levarán ao fracaso a xuntanza no caso de renunciaren a calquer pequeno acordo para o futuro. Teimando na denuncia de que o acordo de Quioto obstaculiza o desenvolvemento económico non semella fácil que vaia haber movementos a prol de políticas máis respectuosas contra o cambio climático nos EEUU durante a actual administración Bush. Malia todo, grupos de presión artellados arredor de colectivos coma a Rede de Acción polo Clima e asociacións de científicos, gaban os movementos que se están producindo a nivel lexislativo nalgúns estados, coma California, e o inédito interés no país polo desenvolvemento das enerxias renovábeis, agardando que a curto prazo iso se poida explicitar en compromisos políticos concretos.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: