"Unha soa candidatura sería boa para o partido", afirmou esta fin de semana para os micrófonos da Cadena Ser o secretario xeral do PPdeG, Xesús Palmou, quen subliñou a vantaxe nas votacións do ex vicepresidente primeiro, Alberto Núñez Feijoo, malia advertir que a escolla de compromisarios "non deu de momento resultados arbumadores". Por outro lado, Xosé Manuel Barreiro negou que tivese iniciado conversas con Feijoo, malia apuntar a súa disposición a que ese proceso de diálogo poida abrirse esta semana.
"Garantiría a unidade e a cohesión no partido", opinou o secretario xeral dos populares galegos ao respecto do pacto posíbel entre Alberto Núñez Feijoo e Xosé Manuel Barreiro. Preocupado por subliñar que non haberá "intervención externa" para presionar cara a ese pacto, en referencia ao presunto interés desde a dirección do partido por favorcer esa posibilidade, Xesús Palmou asegurou que ese posíbel acordo sería froito en exclusiva "da conversa entre os candidatos", insinuando malia todo a súa preferencia por unha soa candidatura.
Palmou tamén se referiu á posíbel redistribución de poder a nivel local que en diversos concellos puidese afrontar o PPdeG logo da votación de compromisarios, insistindo en desvencellar esa situación coa escolla da "mellor opción para liderar o PpdeG", pero recoñecendo que podería haber dirixentes que se considerasen "deslexitimados" ao non corresponderse a vontade da militancia co explícito apoio a un candidato que eles puideses ter promovido. Ao tempo, tamén negou a existencia de ameazas ou presións na liña do que denunciara o presidente da deputación de Lugo, Francisco Cacharro. Por outro lado, e en referencia ao futuro dos ex conselleiros presuntamente perdedores desta primeira fase, Xosé Cuíña e Enrique López Veiga, subliñou que no partido "cabe todo o mundo" pero que o futuro político dos dous deputados con escano no Parlamento dependerá de "se queren contribuir ou excluírse" do novo proceso que agora se abre.