"É complicado pedirlle á xente que apoie un candidato que non conseguiu o apoio que pensabamos que tería". Así se refería este xoves o presidente ourensán do PPdeG, Xosé Luís Baltar, á situación creada logo que Xosé Cuíña non conseguise a metade dos compromisarios pontevedreses que os baltaristas lle pediran coma aval para garantirlle o seu apoio no congreso de xaneiro. Así, o escenario que dende o comezo semellaba ter a beizón de Fraga e da propia dirección do PP en Madrid, o consenso dunha soa lista entre os dous ex vicepresidentes, semella ser o máis probábel. Ao tempo, esta primeira volta dálle a Feijoo a iniciativa negociadora.
"Eu son un home leal por riba de todo, e débolle lealdade a Xosé Cuíña, pero iso non significa que poida levar á miña provincia por un camiño que non é o axeitado". Baltar explicaba así este xoves os seus últimos movementos no taboleiro popular cara ao candidato que logo da escolla de compromisarios amosou ter a maioría de avais para o liderado do partido. O pacto dunha lista única en Ourense para esa votación foi a primeira escenificación do reencontro de Alberto Núñez Feijoo e de Xosé Luís Baltar. Moi claro nas súas conclusións, Baltar comentou este xoves que os populares ourensáns "non van suicidarse" e subliñou a estratexia xa avanzada anteriormente e baseada en que o PPdeG ourensán "non pode perder no congreso".
O seu achegamento a Feijoo ten que ver tamén coa debilidade que no último treito da carreira sucesoria vén sufrindo o candidato lugués, Xosé Manuel Barreiro, quen chega agora á desputa coa fraxilidade engadida de ver a súa lista na provincia de Lugo derrotada polo presidente da Deputación. Francisco Cacharro, que a última hora quixo explicitar o seu poder neste feudo, ten amosado a súa belixerancia coa candidatura de Núñez Feijoo, insinuando que por tras del abrolla a sombra do ex conselleiro e ex ministro Xosé Manuel Romay Becaría, e teimou aínda este xoves en denunciar as presións á militancia que a candidatura de Feijoo tería exercido na votación de compromisarios.