Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CUÍÑA NON CHEGOU Á METADE DOS AVAIS EN PONTEVEDRA

Núñez Feijoo gaña a primeira volta cara á sucesión de Manuel Fraga

O maioritario apoio conseguido por Alberto Núñez Feijoo en Pontevedra, a provincia onde máis afiliados, un 35%, acudiron a votar na elección de compromisarios, concretouse en 281 dos 309 avais que estaban en xogo. Isto convirte a Feijoo no único que xa ten os apoios explícitos abondo para presentar candidatura no Congreso de xaneiro. En Lugo, Cacharro triunfou coa súa lista no pulso interno con Barreiro, e non está claro para onde poderían ir eses avais, e en Ourense, Baltar dá pistas para o futuro co pacto asinado na capital provincial para unha lista conxunta con Feijoo.

- 07:14 01/12/2005
Tags:

Insistira Alberto Núñez Feijoo en que era necesario agardar á volta destes dous días de votación no PPdeG para comprobar as forzas coas que partía cada un dos precandidatos cara ao congreso de xaneiro. Esa peneira pono á cabeza da carreira sucesoria e en privilexio para afrontar o diálogo que agora se abre, logo de apañar unha clara maioría de compromisarios o mércores na provincia da Coruña e de superar ampliamente este xoves a Xosé Cuíña na provincia de Pontevedra e triplicando os votos do político do Deza na cidade de Vigo.

En Lugo Feijoo non presentara candidatura, e o triunfo de última hora da candidatura do presidente da Deputación, Francisco Cacharro, sobre a que elaborara Xosé Manuel Barreiro, amosa a debilidade deste último, trasladándolle o poder negociador cara a xaneiro ao propio Cacharro, que malia todo publicamente asegurou que eses votos avalaran a candidatura de Barreiro.

En Ourense Baltar viña poñendo distancias nos últimos tempos coa candidatura de Xosé Cuíña, a quen lle advertira que debía cando menos conseguir a metade dos compromisarios na provincia de Pontevedra para que os ourensáns se comprometeran definitivamente con el. O fracaso de Cuíña nesa loita afástao do liderado popular e, se cadra en previsión dese resultado, Baltar xa movera peza ás portas da votación consensuando unha lista única de 65 compromisarios que reunía a baltaristas con xente próxima a Feijoo.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: