Galiza percibiu 800 millóns de euros no reparto estatal dos fondos de cohesión para o período 2000-2006. Á espera de saber que acontece coas negociacións do Goberno español en Bruxelas, os 257,5 millóns da UE que cofinanciarán o porto exterior coruñés espremen a práctica totalidade dos fondos de cohesión galegos. Sobre a oportunidade e a adecuación do obxectivo ás necesidades de Galiza discuten membros dos tres partidos políticos, en A Coruña e Ferrol.
"É unha grande satisfacción para A Coruña", di Fernando Rodríguez Corcoba, responsábel do PPdG coruñés. "O ideal agora é que o Estado achegue os cartos que faltan para non termos que recalificar os terreos dos portos da Coruña". Corcoba considera que o compromiso apalabrado por Touriño coa comisaria de Política Rexional da UE, Danuta Hübner, "é a primeira promesa do Plan Galicia que cumpre o actual Goberno".
O certo é que a UE, de substanciarse finalmente a promesa da Hübner, aportará 257,5 millóns de euros para unha obra cun investimento de 560, accesos incluídos. A Autoridade Portuaria coruñesa terá que aportar outros 200, e o restante teríase que sufragar coa recalificación e venda dos vellos terreos do porto coruñés, debaixo do mirador d´Os Castros, nunha operación que se prevé polémica. O Estado non achega ren.
Falta de planificación
Neste sentido, fontes do equipo económico do BNG remarcan que a saída orzamentaria do porto coruñés, pola vía dos fondos de cohesión, non é a máis axeitada. "Se os fondos que faltan nos tivesen que chegar do Estado, ao mellor o porto non se facía", sinalan. Nun plano xeral, destacan que "habería que ter trazado unha política de aproveitamento de investimentos posiblemente mellor ca esta". A lectura política é que, "efectivamente, dáselle cumprimento a unha das promesas do Plan Galicia, pero pola vía dos fondos de cohesión". O mesmo camiño que se empregou para financiar, en 2001, a metade da inversión total do porto exterior ferrolán.
Os fondos de cohesión, ao contrario do que acontece cos fondos estruturais, non están rexionalizados. A UE repárteos entre os Estados membros cun PIB per cápita inferior ao 90% da media comunitaria. Na primavera pasada, durante a presidencia luxemburguesa, o Goberno español afanouse en conseguir unha prórroga de catro anos; a última oferta ascendía a 2.800 millóns para o período 2007-2011, pero -imposto o veto de Blair- o Goberno español rexeitouna, á espera de poder negociar este mes unha improbable mellora.
A ampliación da UE contribuirá tamén á reducción drástica dos fondos estruturais, consignados directamente pola UE aos territorios que non alcanzan o 75% da renda media comunitaria. Galiza, que recibiu 3.581 millóns destes fondos de converxencia entre 2000 e 2006, segue á espera. A evidencia é que os fondos europeos non contribuíron decisivamente a reducir a diverxencia económica do país. Os fondos estruturais aportan en Galiza o equivalente ao 1,3% do PIB; nalgunhas rexións de Portugal superan o 3%.
Ferrol e A Coruña
Encol da aparente duplicación de infraestruturas, Amable Dopico, secretario xeral do PSdG en Ferrol, considera que "non é tal", pois Ferrol traballa esencialmente o carbón de Endesa, mentres o porto coruñés desatafegaría a circulación de petróleo. Pero o dique de abrigo xa existente non agocha o feito, en palabras de Luis Barcia, delegado de Industria na Coruña, de que en Ferrol "aínda non hai vías de acceso".
Para Barcia, "a excelente noticia" é que parece aclararse a financiación do porto da Coruña, "e aí non hai nada que dicir". "Pero isto", matiza, "débese complementar con outra serie de infraestruturas", tamén incluídas nas promesas posteriores ao Prestige. O Eixo Atlántico, a conexión coa Meseta e a Transcantábrica son "fundamentais para viabililizar o porto".
Como resume Dopico, desde Ferrol, "xa non ten sentido preguntármonos se o porto exterior coruñés era o obxectivo". Nin o mellor xeito de esgotarmos os fondos de cohesión, que a UE prescribe para I+D, investimentos estratéxicos, modernización empresarial ou políticas de integración.
"Estas iniciativas deben estar integradas nunha planificación de país", insiste Barcia. Agora, o feito de termos dous portos pegados "pode parecer un dispendio, pero se somos quen de crear unha gran área de desenvolvemento económico arredor, iso será positivo para Galiza".