Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MEDIO RURAL PONLLE CIFRAS AO "ELECTORALISMO DO GOBERNO FRAGA"

Suárez Canal di que a anterior consellaría de Agricultura "destinou o 91% do investimento a concellos do PP"

"A 67 concellos, ningún deles gobernados polo PP, non se lle concedeu ningunha obra do Plan de Infraestruturas Rurais", explicou este mércores no Parlamento o conselleiro de Medio Rural ao respecto dos proxectos do anterior executivo agora paralizados. Alfredo Suárez Canal reprochoulle aos populares que tentasen "hipotecar a acción do goberno entrante nos vindeiros dous anos" e cualificou de "corrupción estratéxica" a práctica promovida pola anterior consellaría de Agricultura, con Xosé Antonio Santiso Miramontes á fronte, que realizou un investimento medio por habitante case tres veces maior nos concellos gobernados polo PPdeG respecto aos que tiñan alcalde socialista ou nacionalista.

- 13:50 30/11/2005
Tags:

Segundo Suárez Canal, o PPdeG actuou na convicción de que "canto máis atraso no rural máis doado condicionar o voto". O conselleiro do BNG reiterou que os populares prometeran cartos desde Agricultura para proxectos cuestionábeis desde o "ámbito agrogandeiro ou forestal" responsabilidade dese departamento, e na liña dos xa coñecidos exemplos dos accesos ao parador de Cambados, ou piscinas en varios concellos, ilustrou a denuncia coa mención de obras de abastecemento para tanatorios ou mesmo para o aparcamento de restaurantes, que o executivo anterior tratou de disfrazar con "eufemismos que esconden obras que non terían encaixe nas competencias e cometidos desta consellería".

As cifras detalladas polo conselleiro no Parlamento amosan que o Plan de Infraestruturas rurais dos populares destinaba o 91% dos fondos para concellos gobernados polo PPdeG, mentres que para os do PSdeG quedou o 4% e só un 1% para os gobernados polo BNG. Suárez Canal afirmou que este Plan "foi discrecional tanto na súa distribución orzamentaria como na elección de concellos" e engadiu que a maiores iso significou "unha deslealdade coa Federación Galega de Municipios, coa que se acordara un reparto para todos os concellos galegos que se modificou a posteriori".

O conselleiro defendeu que o actual equipo da consellaría de Medio Rural "precisaba proceder á suspensión deses acordos co obxectivo de rescatar os fondos para destinalos ás obras que pretendan a revalorización do rural e da súa base produtiva". Nesa liña, asegurou que o novo plan será rexido por "criterios prioritarios de interese agrario e forestal" e que acometerá tamén "aquelas obras de infraestruturas necesarias que estaban previstas no anterior".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: