Ao tempo que os grandes números da economía condicionan os debates que en Montreal avalían os incertos compromisos co tratado de Quioto, a Axencia Europea de Medio Ambiente aproveita para facer público un informe relativo ao continente onde advirte que "o cambio climático xa está en marcha", subliñando que o clima europeo sofre os seus maiores cambios dos últimos cinco mil anos e agoirando unha suba de temperatura de entre 2 e até 6 graos para este século. Ao fío, a vicepresidenta da Comisión Europea recordou que a contaminación provoca a morte "prematura" duns 370 mil cidadáns europeos cada ano e lembrou que os défices ambientais en Europa contribúen a degradar outras zonas do planeta.
Jacqueline McGlade, directora da Axencia Europea de Medio Ambiente, relatou na presentación deste informe que a UE debe comprometerse con estratexias a máis longo prazo dos obxetivos fixados para Quioto, que non van máis aló de 2012, e destacou ademais que o cambio climático é un problema global, que non ten fronteiras e que nese sentido debe ser tratado o problema. O estudo promovido pola Axencia fai análise do ambiente en trinta países do contorno europeo e avalía tamén as políticas desenvolvidas nos últimos anos polos seus gobernos.
O abrollo cada vez máis habitual dos fenómenos meteorolóxicos extremos, as secas continuadas, asolagamentos, a perda de xeo nos polos... Son todos indicadores que segundo este informe confirman que o cambio climático xa está en marcha e avisa que o aumento de case un grao nas temperaturas medias europeas será no século que entra de ata seis graos. McGlade explicou que a estrutura económica e o xeito de vida dos cidadáns están por tras da maioría de problemas ambientais e xa que logo o informe chama a esforzarse na "concienciación" dos cidadáns. "Nunha economía a cada paso máis globalizada as decisións dos consumidores aféctanlle cada vez máis ao medio ambiente, e non só ao europeo, senón ao do resto do planeta".