Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
QUEIXAS POLO USO DOS CENSOS DO PARTIDO

Feijoo colle vantaxe logo da primeira xornada de reparto de avais

Máis de catro milleiros de afiliados ao PPdeG acudiron este martes a votar a escolla de compromisarios cara ao Congreso do próximo xaneiro, participación que dobra a de votacións anteriores no partido pero que queda lonxe das previsións que agoiraban que cando menos a metade da militancia iría á urna. Este primeiro pulso confirmou os prognósticos que poñían a Alberto Núñez Feijoo á cabeza no reparto de forzas na provincia coruñesa. Os seus rivais comentaron criticamente o uso que a candidatura de Feijoo fixo dos censos do PPdeG para enviarlle cartas aos afiliados pedíndolle o voto.

- 07:13 30/11/2005
Tags:

Arredor dun 30% de afiliados ao PPdeG votou este martes na provincia da Coruña os compromisarios que irán ao Congreso do próximo mes de xaneiro a escoller sucesor para Manuel Fraga. A candidatura de Feijoo, a quen apoiara explicitamente a dirección provincial, foi a máis beneficiada nas grandes cidades, especialmente en Ferrol, feudo do propio presidente do PPdeG coruñés, o alcalde Juan Juncal, e gañoulle a Barreiro na Coruña e Santiago. Os de Feijoo contaban xa co aval maioritario do máis de medio cento de concellos onde non se votou por non haber máis aspirantes a compromisario ca ás prazas dispoñíbeis. Así, dos 565 compromisarios a que ten dereito a provincia da Coruña, 328 estaban xa decididos e só 237 sairon da elección deste martes.

"Eu non enviei nada e non teño censo para facelo", asegurou Xosé Manuel Barreiro este martes ao respecto da polémica sobre o presunto privilexio de Feijoo no acceso aos censos do PPdeG. Pola súa banda, Núñez Feijoo asegurou que está usando "as mesmas ferramentas que as outras candidaturas" defendendo que "están de acordo co regulamento autorizado polo comité de organización". Feijoo recibía ademais un inesperado apoio desde Ourense, onde Baltar aseguraba que a dirección galega autorizara que os candidatos manexasen eses datos. "Paréceme mal todo o apoio que se lle dá desde o aparato do partido a certos candidatos. O que se fixo non é equitativo e algúns contaron con acceso a datos que eu non tiven", laiouse pola súa parte o candidato Enrique López Veiga.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: