Alén das webs oficiais dos candidatos, militantes e simpatizantes populares seguen en animado debate e intercambio de confidencias a través de diversos espazos virtuais. O primeiro agoiro en cifras sobre o que pasará na votación de compromisarios achégano desde Sucesión.net, onde prognostican que López Veiga conseguirá 50 avais, Barreiro sumará 430, Núñez Feijoo 640 e Xosé Cuíña 850. Posicionándose a prol do acordo Barreiro-Cuíña, ao fío consideran que a redistribución de apoios logo de calquera dos pactos posíbeis beneficiaría a Cuíña en todos os casos. Mentres, en Sucesión.es.vg comentan sobre presuntas rifas internas de Cacharro e Barreiro no recanto lugués. De paso poden botarlle unha ollada aos comentarios que lles merece á xente da Va-Ca o concurso Chicas PPdeG da web non oficial PPdeG.com, inactiva este martes.