Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRESPO MÁNDALLE AVISO ÁS EMPRESAS EÓLICAS LOGO DAS SÚAS QUEIXAS

A Fegamp acepta a proposta de financiamento do "pacto local" e asinará o acordo en xaneiro

Os 130 millóns de euros que cara ao 2009 propuxo o bipartito no borrador de pacto local que a semana pasada puxo o conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, na mesa da Federación Galega de Municipios e Provincias, son exemplo do consenso entre as partes para a sinatura o próximo xaneiro do acordo. O presidente da Fegamp, Xosé Crespo, recoñeceu que se atenderán as peticións fundamentais dos concellos. Por outro lado, Crespo referiuse criticamente ao recente recurso diante da Xunta presentado polas empresas da Asociación Eólica Galega pedindo a anulación das licencias concedidas a concellos para explotaren directamente parques eólicos.

- 07:40 29/11/2005
Tags:

O presidente da Fegamp e alcalde de Lalín, Xosé Crespo, amosou a súa satisfacción polo proxecto que o executivo autonómico vén de presentarlles, asegurando que recolle as inquedanzas principais achegadas desde as administracións municipais, moi especialmente no ámbito do financiamento, e de xeito significativo no que se refire aos pequenos concellos. Despois da xuntanza da súa comisión executiva, a Fegamp trasladou así o positivo xuízo desta proposta, que cualifican de "enorme avance" e anunciaron a elaboración dalgunhas suxerencias que lle trasladarán despois á Xunta e que agoiran pode facilitar a sinatura dun acordo definitivo a comezos do ano que vén.

En declaracións para a Radio Galega este martes, o presidente da Fegamp destacou que a proposta permitirá atender a "todo aquilo onde os concellos fan cometidos impropios", en referencia ao 30% de orzamentos que avalían estar destinando a tarefas que son competencia doutras administracións pero das que os concellos asomen o financiamento. "Permitirá compensar défices estruturais", gabou Crespo, lembrando que se trata dunha "reivindicación histórica" dos concellos galegos.

Crespo tamén comentou este luns a iniciativa da patronal eólica galega de recorrer as autorizacións dos chamados "parques eólicos singulares" concedidos para a explotación desde as propias administracións locais ás que lles supoñen importantes cifras de ingresos, que poden aproximarse aos 200 mil euros ao cabo dun ano. O presidente da Fegamp afirmou estar "moi negativamente sorprendido" pola acción da patronal eólica, lembrando a pequena cota que dese negocio están rabuñando os concellos e anunciou que pedirán entrevista co conselleiro de Industria para mediar no conflito.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: