Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ELECCIÓN DE COMPROMISARIOS

Os candidatos a presidir o PPdeG fan reconto dos seus apoios

A loita sucesoria dos populares inicia este martes unha nova fase, con turno para a militancia, que deberá escoller os compromisarios que os representen no congreso de xaneiro. Os coruñeses serán os primeiros en votar, e o mércores tócalle ao resto de provincias, até completar a escolla dos dous milleiros de delegados a quen lles tocará escoller relevo para Manuel Fraga. Os castro aspirantes a liderar o PPdeG precisan cando menos da sinatura de 400 compromisarios para que a súa condición de candidatos sexa oficial, polo que este inicial reparto de avais condicionará as negociacións que xa se insinúan para a integración de candidaturas. Núñez Feijoo e Barreiro saen coma favoritos na desputa.

- 07:03 29/11/2005
Tags:

Na primeira semana de decembro coñecerase o resultado desta fase de pulsos internos no PPdeG, cun debuxo aproximado dos apoios cos que cada candidato conta para o Congreso, malia que a denuncia de presións desde algúns sectores para conseguir avais e a garantía de que na cita de xaneiro o voto vai ser secreto, insinúa que podería haber pequenas variacións no reparto final. Co apoio manifesto do propio presidente provincial do partido, o alcalde ferrolán Juan Juncal, a primeira votación este martes na Coruña podería favorecer a Alberto Núñez Feijoo, quen o día anterior subliñou que "cando un se presenta é porque quere gañar", comentando que o partido vai escoller "o que considere que é o mellor ou menos malo para dirixir a era posFraga" e asegurando que se poñerá á "disposición" de quen gañe en xaneiro a elección. Feijoo falou tamén sobre posíbeis acordos con candidatos e afirmou que "non vou pactar contra ninguén. Só vou pactar para gañar".

Máis definitorio será o que pase o mércores, cando é turno de escolla de compromisarios en Pontevedra, Lugo e Ourense. Moi especialmente na provincia pontevedresa, vaise dirimir o futuro do candidato Xosé Cuíña, a quen Baltar xa lle advertiu nos últimos días que o apoio do seu feudo ourensán estará condicionado á fortaleza que amosen os seus apoios nesoutra provincia. Co maior número de delegados en xogo, en Pontevedra a dirección provincial, con Rafael Louzán á fronte, xa manifestou o seu apoio para Feijoo, comprometendo inicialmente a un alto número de alcaldes a prol deste candidato. A meta de Cuíña, cos avais ourensáns en xogo, será apañar a metade dos compromisarios pontevedreses.

Con explícitos apoios en toda a provincia de Lugo, quen fora vicepresidente segundo, Xosé Manuel Barreiro, parte tamén coma o segundo favorito, e a súa condición de probábel punto de consenso entre forzas opostas no PPdeG e garante de equilibrios entre as diversas correntes do partido para a transición posfraguiana. A súa posición convírteo no candidato que máis doado o tería para pactar con calquera dos seus rivais. Este luns xa avisou que "non vai chegar con ter máis votos ca os demais" e subliñou que o próximo líder do PPdeG "debe amosar a súa capacidade para sumar e unir as distintas sensibilidades que hai no partido".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: