Os artistas e escritores Ánxel Huete, Mar Caldelas, Rosalía Pazo, Celso López e Xosé María Álvarez Cáccamo presentáronlle á conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, o texto dunha "iniciativa para a reformulación das políticas culturais" que conta co respaldo dun cento de persoas do mundo arte. Bugallo coincidiu cos autores da proposta na necesidade de "traballar cun horizonte a longo prazo e en potenciar a participación dos artistas na xestión cultural". En nome dos promotores, Ánxel Huete asegurou que o obxectivo desta iniciativa é rexenerar a cultura galega "que sufriu un deterioro nos últimos anos" e "artellar pactos entre produtores e a sociedade civil, por unha banda, e a administración, pola outra".
Entre as demandas contidas no texto figuran a necesidade de entender a cultura como un instrumento de desenvolvemento, destacar o seu papel de servizo público, evitar inxerencias políticas, incentivar o coñecemento da cultura propia e das foráneas, garantir as condicións económicas de produción, manter unha oferta diversificada e apoiar a cultura popular sen deturpala.
Os autores da iniciativa propoñen realizar "unha análise crítica que dea como resultado a definición dun marco estratéxico que garanta a súa estabilidade cun pacto de converxencia entre os grupos do goberno e que posibilite a elaboración e o desenvolvemento dun proxecto cultural complexo e ambicioso, cunha pormenorizada planificación a medio e longo prazo. Un proxecto que aspire a lograr un cambio profundo e sostido, o cal implica renunciar aos resultados inmediatos con fins electorais e garantir a súa continuidade de tal xeito que non quede a expensas de eventuais cambios de carteira".