A catedrática de Bioloxía e Xeoloxía no IES de Lugo, Adela Figueroa Panisse, é a nova presidenta da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, Adega, despois da votación que tivo lugar nunha asemblea extraordinaria celebrada a pasada fin de semana. A asemblea convocouse para renovar as vacantes na Xunta Directiva da asociación que se produciron pola demisión do anterior presidente, Xan Duro, o tesoureiro, o secretario técnico e tres cargos máis da comisión permanente.
O momento crítico da asemblea produciuse cando a Xunta Directiva, apoiada maioritamente pola propia asemblea, rexeitou a posibilidade de que unha candidatura encabezada polo anterior presidente, Xan Duro, que aspiraba á renovación completa do órgano directivo da asociación, optase á elección, xa que "a asemblea só se convocara para cubrir as vacantes da xunta directiva anterior". Nese momento, abandonou a asemblea aproximadamente unha terceira parte dos presentes, entre eles, a maior parte das delegacións de Trasancos, Ourense, A Coruña e os membros da candidatura alternativa. Fontes da anterior directiva aseguran que algúns socios van presentar un recurso administrativo contra a decisión da asemblea ao condideraren que se vulneraron os estatutos da asociación. Tamén puidemos coñecer que o anterior presidente de Adega, Xan Duro, se deu de baixa na asociación na mañá deste luns.
A nova Xunta Directiva de Adega está composta, amais da presidenta Adela Figueroa, por Cristina Goy López, vicesecretaria e a tesoureira Isabel Silva. Continúa de Secretario Xeral Daniel López Vispo, profesor de física e química. Completan a Xunta Directiva: o vicepresidente Alberte Sánchez Regueiro e os vogais: Pepe Salvadores, Montserrat Lombardía e Manuel Soto.
Segundo un comunidado enviado desde Adega, a nova nova Xunta Directiva "asume os compromisos herdados das anteriores, así como todas aquelas actuacións que impliquen a defensa do noso medio no marco do desenvolvemento sustentabel, procurando construir un entorno máis propicio para a vida na Galiza e a mellora da calidade de vida de todas e todos".