Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CUMIO SOBRE O CAMBIO CLIMÁTICO

Primeira xuntanza mundial para avaliar Quioto

Preto de dez mil delegados de gobernos, asociacións, empresas e colectivos ecoloxistas están dende este luns en Montreal na primeira Conferencia Sobre o Cambio Climático que se celebra despois da entrada en vigor a comezos de ano do Protocolo de Quioto. Malia que na axenda está a necesidade de fixar novos e máis ambiciosos obxetivos para despois de 2012, data na que remata a vixencia do acordo actual, os EEUU, que non asinaron este tratado, lideran o grupo de países que seguen presionando para que non se definan compromisos concretos argumentando que iniciativas coma o Plan de Quioto ameazan o crecemento económico.

- 12:33 28/11/2005
Tags:

A Oficina Sobre o Cambio Climático da ONU avaliou en apenas un 5,9% a porcentaxe de redución dos gases do efecto invernadoiro no conxunto dos países máis desenvolvidos do mundo, con significativos incrementos nalgúns Estados e unha lenta evolución que cuestiona a posibilidade de iren cumprirse as cotas fixadas en Quioto. A Unión Europea defenderá que esas emisións se reduzan entre un 15 e un 30% en 2020. A UE tamén presiona para que os chamados "países emerxentes", coma o caso de China ou Brasil, asuman compromisos máis claros na loita contra o cambio climático, xa que en 2030 agóirase que serán responsábeis da metade de emisións contaminantes.

A finais do mes de xullo, os EEUU xa lideraran a sinatura dun documento alternativo, o bautizado "acordo de Laos", baseado na presunta promoción de novas tecnoloxías no campo da producción enerxética que reduzan a contaminación, pero sen compromisos concretos para a diminución de gases contaminantes. China, India, Corea do Sur, Xapón e Australia, que xunto cos estadounidenses suman o 40% das emisións de gases en todo o planeta, apoiaron esa iniciativa, que segundo os ecoloxistas de Greenpeace era un intento máis de "minar as negociacións do Protocolo de Quioto e condenar as xeneracións futuras a vivir nun planeta devastado polo cambio climático".

Contámoslles de paso que o Estado español aparece na estatística coma un dos países desenvolvidos que máis incrementou a emisión de gases contaminantes, un 45,6% máis en 2003 respecto a 1990, cifra que triplica o 15% de incremento que Quioto lle permite deica 2012, malia que o acordo posibilita que compense esas cifras mercando cota contaminantes, "dereitos de emisión", a outros países que polo seu insuficiente desenvolvemento industrial non gastan a súa.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: