Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OS PROXECTOS PARALIZADOS POR MEDIO RURAL

A desputa dos alcaldes populares: de golf, piscinas e paradores

Logo da axitada canfurnada a pé de Parlamento, os alcaldes do PPdeG remitíronlle unha carta ao presidente da Xunta onde ademais de pedirlle cita antes de que acabe o mes pídenlle que deixe sen efecto a orde de suspensión de obras promovidas polo goberno anterior cualificando a paralización de "unilateral e arbitraria". Desde Medio Rural lémbranlle aos populares non só os "criterios de reparto discrecional e partidarios" que o goberno Fraga aplicara, senón a súa cuestionábel relación co "ámbito agrogandeiro ou forestal". Un exemplo: para o concello ourensán de Toén a consellaría de Política Agroalimentaria decidira un investimento de 145 mil euros para "captación de augas, pozos, depósitos e balsas para a construción dun campo de golf".

- 18:18 28/11/2005
Tags:

Xa que logo, na lista de obras para as que a anterior consellaría de Agricultura, con Xosé Antonio Santiso Miramontes á fronte, prometera cartos, estaban outros proxectos cuestionábeis desde o "ámbito agrogandeiro ou forestal" responsabilidade dese departamento, coma son por exemplo a pavimentación de camiños en Cambados, entre os que se inclúe o acondicionamento do contorno do Parador, obras para as que se ía destinar un total de 200.512 euros. Outras mostras posíbeis dos irregulares criterios aplicados polo anterior executivo para a concesión desde o departamento de Política Agroalimentaria de importantes axudas son os 137.900 e 207.000 euros que respectivamente se lle prometeran aos concellos de Quintela de Leirado e Cartelle, orzamentos destinados nos dous casos á construcción dunha "piscina e acondicionamento de espazo rural para usos comunitarios".

Malia a teimuda insistencia en que se lle dean adiante a esas obras, alcaldes e dirixentes populares seguen evitando responder ao detalle dos argumentos presentados desde a consellaría de Medio Rural, que advirte que o executivo de Manuel Fraga fixera reparto discrecional de fondos con privilexio claro para concellos gobernados polo PPdeG e asinara convenios en plena campaña electoral moitas veces aínda no coñecemento de que sería tecnicamente imposíbel cumprir co acordado e comprometendo importantes cotas do orzamento do próximo goberno. O conselleiro Suárez Canal mesmo explicou no Parlamento que o bipartito detectou irregularidades no financiamento dese Plan de Infraestruturas con fondos europeos, advertindo que iso fai necesario "revisar proxecto a proxecto para non atopar sorpresas no futuro ante unha posíbel auditoría da UE, que acabaría prexudicando aos que fan obras que non encaixan dentro do que en Europa se contempla como financiábel no desenvolvemento rural".

Mentres, os alcaldes do PPdeG que a pasada semana se manifestaban no Parlamento, presentaron agora no rexistro da Xunta un escrito dirixido ao presidente Emilio Pérez Touriño, onde esixen que a administración autonómica "deixe sen efecto a orde de suspensión e paralización da obras incluídas no Plan de Infraestruturas rurais" e demandan que "a Xunta licite, de xeito inmediato, todas as obras incluídas no Plan de Infraestruturas rurais do anterior Goberno galego que aínda non foras licitadas". Ao tempo, pídenlle a Touriño que os reciba antes que remate novembro "no día e hora que mellor se axuste á axenda do titular do Executivo, sábados e domingos incluídos".

Segundo unha nota remitida polo concello de Cambados, entre as obras anuladas "non se atopa o acondicionamento do contorno do Parador Nacional do Albariño. Os traballos incluidos no convenio corresponden na súa meirande parte a
infraestructuras rurais de carácter urxente e prioritario, segundo criterio do grupo de goberno e dos veciños das parroquias de Cambados".

Segundo o concello as obras "anuladas" en Cambados son:
—Pista de San Antón-A Modia (Vilariño) a Vilanova de
Arousa, nunha lonxitude superior ós 400 metros por
8,50 metros de ancho de calzada, incluindo un ramal de
200 metros lineais por 4 metros de ancho.
—Pista de Quintáns a punta de Arfolín (Castrelo) nunha
lonxitude superior ós 300 metros por 5 de ancho de
calzada, co mesmo tratamento de pavimentación
asfáltica de rego en quente.
—Pista Couto de Abaixo, Burata e Lourido (Castrelo),
un tramo de case 700 metros con 4 metros de ancho de
calzada e base granular con zahorra artificial.
—Pista no contorno do Muiño da Seca (Corvillón) con
tres tramos que suman 1 quilómetro lineal, con anchos
de 4, 5 e 6 metros na calzada.
—Pista de O Facho a Con de Xido (Castrelo), nunha
lonxitude de 900 metros con 4 metros de ancho.
—Pista de Xesteira (Castrelo) ata Padrenda (Meaño),
nunha lonxitude de 400 metros por 3,5 metros de ancho
de calzada. Nesta mesma zona iase pavimentar a pista
de Xesteira a Xesteira nunha lonxitude de 350 metros
por 5 metros de ancho.
—Pista de Bouza a Balada (Castrelo) nunha lonxitude
próxima a 1 quilómetro dividida en tres tramos de 7, 5
e 4 metros de ancho.
—Pista de Couto de Arriba a Couto de Abaixo (Castrelo)
nunha lonxitude de 519 metros lineais por 4 metros de
ancho de calzada, que permitiría mellorar a
comunicación entre estes dous importantes nucleos
rurais.
—Pista de Baltar a Baltar (Castrelo) nun primeiro
tramo de 185 metros por 4 metros de ancho e un segundo
tramo de 200 metros por 5 metros de calzada.
—Pista de O Facho a Sartaxes (Castrelo) nunha
lonxitude de un quilómetro e medio, dividida en tres
tramos de 4, 5 e 6 metros de ancho.
—Pista de Balsiña a Sobreiro (Oubiña), nun tramo de
600 metros por 5 de ancho e un ramal de 190 metros por
5 de ancho.
—Pista A Cabana a Chileta (Corvillón) en dúas rúas
paralelas de 150 metros por 7 metros de ancho de
calzada.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: