Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PATRIMONIO INMATERIAL GALEGO PORTUGUÉS

Ánxela Bugallo: "Fixemos unha carreira contrarreloxo para promocionar a candidatura"

Chegou o día da decisión. Na mañá deste venres saberemos se a candidatura do patrimonio inmaterial galego-portugués é proclamada pola Unesco Obra Mestra da Humanidade. Foi un intenso labor de promoción e difusion de varios anos realizado por un pequeño grupo de persoas que bateu durante moito tempo coa incompresión e a indiferenza das instancias oficiais. Porén, a mudanza de goberno na Xunta provocou que desde a consellería de Cultura se asumise este proxecto como propio e o departamento que dirixe Ánxela Bugallo puxese en marcha os mecanismos da administración para o espallamento da candidatura, sobre todo no ámbito internacional. Antes de viaxar a París para estar presente no acto de proclamación das Obras Mestras deste ano, Ánxela Bugallo mantivo esta entrevista con Vieiros.

- 19:00 24/11/2005
Tags:

Vieiros: Con que ánimo viaxa a París para asistir á proclamación das Obras Mestras do patrimonio inmaterial da Humanidade deste ano?
Ánxela Bugallo:
Nestes últimos tres meses e desde a primeira reunión que tivemos cos promotores da candidatura puxemos os nosos medios para apoiar esta inicativa. Xa compartimos moitas cousas con eles, sobre todo por medio de Luís Bará, o director xeral de creación e difusión cultural, que é quen está levando este tema máis directamente, pero co esforzo de todos os que estamos na consellaría. Vou a París co mellor dos ánimos, porque creo que por xustiza teñen que nos conceder a distinción de Obra Mestra e espero que iso se ratifique.

Tanto se se consigue a proclamación da candidatura galego-portuguesa como se non, cal é o valor desta iniciativa?
Pase o que pase este venres, todo isto xa serviu para comezar a dar a coñecer o noso patrimonio inmaterial. Presentouse ademais como unha das liñas novidosas da política a desenvolver pola consellaría a partir de 2006. Vai haber liñas concretas que xa están efectivizadas mesmo nos orzamentos para o apoio de investigacións e de actividades nos centros educativos de todo o que é a recuperación e conservación do noso patrimonio inmaterial.

Como pode ter continuidade o labor dos promotores da candidatura?
O contacto con Ponte... nas ondas! e con todo o que hai arredor desta candidatura non só se vai seguir mantendo senón que se vai desenvolver unha vez que remate este periodo, podemos dicir, de campaña e nos poidamos centrar no traballo máis directo sobre o patrimonio. Nós recoñecemos desde o primeiro día o inmenso labor que levan realizando durante tanto tempo sen case apoio ningún. Para nós todo iso foi un elemento clave para decidirnos desde o principio a apoiar ser reservas os promotores da candidatura, porque tiñamos moi claro que a indefensión na que se encontraban estaba xogando na súa contra. Por esta razón, nós determinamos facer un esforzo máximo no pouco tempo que quedaba para a proclamación das candidaturas.

Cal foi a reacción da nova consellaría de Cultura ante a proposta de colaboración por parte da candidatura?
Desde o noso punto de vista, a candidatura partía desde un punto de orixe moi bo que era a rede de escolas asociadas á Unesco. Nós o que fixemos cando chegamos ao goberno foi facer unha programación de presentación e lanzamento da candidatura por varias cidades europeas, do estado e no propio Portugal, onde estaba moi pouco espallada. En moi pouco tempo, fixeronse presentacións en Francia, Alemaña, Madrid, Barcelona, Lisboa, Porto, etc.., en fin, o máximo número de cidades e presentacións posíbeis. Foi unha carreira contrarreloxo para difundir a candidatura no maior número posíbel de lugares.

A posta en valor do patrimonio inmaterial débese enfrontar desde distintos ámbitos da administración, por exemplo, tamén desde a consellaría de Medio Rural, na medida en que a tradición pode ser un factor de desenvolvemento...
Neste momento xa estamos desenvolvendo proxectos para presentarlles á consellaría de Medio Rural para facer conxuntamente, porque eles teñen unha implicación moi grande no tema do patrimonio. Ademais, grande parte do que é, desde o noso punto de vista, a posibilidade de asentamento e consolidación do medio rural pasa precisamente pola conservación das tradicións que sobreviven neste medio rural. Estamos pensando en facer un proxecto bastante ambicioso en conxunto con eles.

Como se pode aproveitar a eventual declaración do patrimonio inmaterial galego portugués?
En primeiro lugar, é un recoñecemento ao valor dunhas tradicións culturais e, iso é precisamente o punto forte das que nós presentamos, porque sabemos perfectamente do seu valor e temos a experiencia da sorpresa e da curiosidade coa que foi recibida a nosa candidatura nas diferentes presentacións que fixemos. En segundo lugar, é unha axuda para comprender a necesidade da súa conservación, no sentido de que cómpre tomar medidas para poñer en valor todo iste patrimonio que pode desaparecer se non se actúa adecuadamente. E un terceiro elemento é o da difusión da nosa cultura, que para nós é algo fundamental en relación coa acción cultural. Espallamento non só no noso propio país senón tamén cara o exterior. Se a candidatura é proclamada Obra Mestra da Humanidade sabemos que desde ise momento hai certas portas que van ser moito máis doado de abrir e tamén porque obriga a todas as administracións, a nós e a do estado, a facer un esforzo de divulgación e promoción deste patrimonio.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: