Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ANTE A REVOLTA "POPULAR" NO PARLAMENTO

Touriño pídelle ao PP "responsabilidade institucional" e os populares esíxenlle "desculpas" a Villarino

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, pediulle á oposición serenidade e responsabilidade ante os sucesos de onte no parlamento e demandou ao PP que exerza "o seu poder institucional" como oposición e abandone as tentacións populistas" comportándose "con respecto pleno ás regras institucionais e democráticas". Pola súa parte, o vicepresidente do goberno galego, Anxo Quintana, manifestou o seu "apoio" á presidenta do Parlamento, Dolores Villarino, e pediu aos alcaldes do PP "que onte participaron na manifestación" que pidan "desculpas" aos seus veciños "un por un". Precisamente "desculpas" é o que demandan desde o PP á presidenta do parlamento "polo seu intolerábel menosprezo á súa dignidade".

- 14:14 24/11/2005
Tags:

Na roda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Touriño reprobou a "algarada" que, ao seu xuízo, representou a polémica desencadeada onte no Parlamento.

Ante estes acontecementos, Touriño dirixiuse á oposición "como presidente da Xunta" para esixirlle que "asuma plenamente o veredicto electoral" decretado polos cidadáns e "exerza así o papel institucional" que lles depararon os comicios galegos nos que, tras 16 anos, o PPdeG perdeu a maioría absoluta.

Nesta liña, reclamou aos populares "que se serenen", xa que o "camiño de algarada" emprendido en Galiza "non é o mellor", por canto supón "resistirse ás medidas de profilaxe e hixiene democrática" habilitadas polo bipartito.

Así, negou sectarismo na decisión da consellaría de Medio Rural de anular 247 obras licitadas polo goberno anterior e reivindicou o "compromiso" do seu Gabinete "coa renovación democrática". "A Xunta dá por concluído o período no que a política se baseaba en criterios opacos", engadiu.

O presidente galego mantivo que nas eleccións autonómicas, os cidadáns reclamaron "o fin da utilización discrecional dos fondos públicos" á que, segundo denunciou, recorreron os populares cando ostentaban o poder.

Respecto diso, informou que de segundo datos da Intervención do Estado, o investimento por habitante que a Xunta destinou no medio Rural aos concellos do PP "triplicou" as partidas aos gobernados polo PSOE ou polo BNG. Desta forma, mentres os municipios populares se beneficiaban de 80 euros de media, os socialistas recibían 28 euros e os nacionalistas, 27.

Por iso, Touriño sentenciou que a "actuación histórica de deslealdade" correspondeu ao PP, ao que acusou de tratar aos cidadáns "en función da cor política", así como de "vulnerar sistemáticamente as regras de xogo".

Ademais, declarou que os populares cometeron tamén unha "deslealdade" cando estaban en funcións ao tratar de "hipotecar" a actuación do Executivo entrante e engadiu que esta actitude afectou tamén á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Quintana acusa aos alcaldes do PP de "levar os concellos a facer o ridículo"
Pola súa parte, o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana acusou aos rexedores populares de "levar o nome do seu concello facer o ridículo", e instounos a que " se deixen de parvadas" e presenten ideas e proxectos relacionados co medio rural para o diálogo co titular da Consellería, Alfredo Suárez Canal. "Se fose veciño dun concello gobernado por eses alcaldes hoxe estaría avergoñado", sentenciou.

O líder do BNG considerou necesario neste momento "fortalecer o sentido democrático das institucións", e por iso ofreceu "todo o apoio" á presidenta da Cámara, Dores Villarino, para "preservar" o marco parlamentario como un foro de discusión e evitar "que calquera persoa intente usar o ámbito parlamentario para violentar situacións".

"Onte houbo deputados e persoas que non lle puxeron as cousas fáciles", dixo Quintana, que de todos os xeitos non quixo valorar en profundidade a actuación de Villarino e reiterou que o conveniente agora mesmo é estar á beira da máxima responsábel parlamentaria en defensa da institución.

O responsable de Benestar e Igualdade do Goberno galego asegurou que onte foi "a primeira vez na historia de Galiza en que se convocou unha manifestación para que todo siga igual". Asegurou ademais que existen dúas formas de entender a política, a do "follón polo follón" dos alcaldes e deputados do PP, e doutra banda a do "debate, diálogo e participación", que foi "a que seguiu o conselleiro de Medio Rural na tribuna".

Ademais, Quintana trouxo a colación situacións similares vividas na Cámara galega, por onde, segundo el, pasou nos últimos anos "xente preocupada porque perdía o seu posto de traballo", "angustiada porque a súa empresa estaba a piques de pechar", "xente que vía o seu medio de vida estragado" e "xente que acababa de ser expulsada do sitio
onde faenaba desde tempos inmemoriais".

"Todas as manifestacións son lexítimas, pero que se fagan na rúa e non no Parlamento", pediu o vicepresidente da Xunta, que cualificou de "desmesurada" a experiencia que se produciu onte. Para rematar, recordou que na tribuna de invitados hai que gardar o decoro, e "se alguén se extralimita debe pedir desculpas".

O PP pídelle a Villarino "desculpas" formais
O grupo parlamentario do PPdeG dirixiu hoxe un escrito á presidenta da Cámara galega, Dolores Villarino, no que lle insta a que no próximo pleno leve a cabo "unha expresa petición de desculpas" a todos os deputados populares "polo seu intolerábel menosprezo á súa dignidade".

Os populares galegos tamén demandan que Villarino se dirixa por escrito aos 40 alcaldes que estaban acreditados para asistir ao pleno de onte para pedirlles desculpas "polo trato indigno recibido", e que tamén pida perdón por escrito aos senadores populares Cores Tourís, Mera Rodríguez e Rodríguez Pérez, "pola vulneración dos seus dereitos" ao impedirlles acceder ao recinto do Parlamento.

En caso contrario, o grupo do PPdeG resérvase o dereito de "exercer as accións legais" pertinentes ante os órganos
jurisdiccionales e constitucionais polo que consideran "os graves feitos sucedidos" onte na Cámara galega. Para rematar, tamén piden a rectificación e retirada do Diario de Sesións das palabras de Villarino na que comparou a situación vivida onte co intento golpista do 23-F, situación que desencadeou a saída do hemiciclo dos deputados populares.

A este respecto, o portavoz do grupo parlamentario popular e ex presidente da Xunta, Manuel Fraga, explicou hoxe en roda de prensa que comparar o ocorrido onte co 23 de febreiro de 1981 "está fóra de toda medida", e máis aínda o están "os insultos" que segundo el dirixíronse aos parlamentarios do PP, "aos que se chamou onte fascistas".

Fraga, que recordou que estivo presente no intento frustrado de vez, "cando unha forza paramilitar entrou no Congreso facendo lume real", asegurou que a comparación efectuada pola vicepresidenta do Parlamento non se lle ocorre "nin ao famoso asador de manteca".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: