A proclamación pola Unesco do patrimonio inmaterial galego portugués como Obra Mestra da Humanidade, de producirse, non sería o primeiro recoñecemento por un organismo internacional da realidade diferenciada de Galiza. O primeiro e máis significativo aconteceu no IX Congreso de Minorías Nacionais Europeas, organismo adxunto á Sociedade das Nacións, reunido en Berna (Suíza) do 16 a 18 de setembro de 1933. Alí, e grazas á intervención do Partido Galeguista na figura de Plácido Castro, o organismo que se convetería na actual ONU, recoñeceu a condición nacional de Galiza, "a súa identidade diferenzada, con idioma, cultura e costumes propios, e ao dereito a dispor libremente do seu destino". Un recoñecemento que xa se producira anteriormente na III Internacional, neste caso como "nación asoballada", segundo conta Castelao no Sempre en Galiza.
"Calquera que sexa o réxime político en que Galiza viva, a nosa terra, autónoma ou non, está xa proclamada moralmente como unha nación". Deste xeito salientaba Plácido Castro, o daquela secretario de relacións internacionais do Partido Galeguista, a importancia da declaración da Sociedade de Nacións sobre o carácter nacional de Galiza. Hai dous anos, o IGADI realizou unha serie de actos conmemorativos do 70 aniversario deste recoñecemento e publicou un manifesto poñendo en valor a actualidade da declaración.
Cando Castelao, no primeiro libro, apartado tres, do Sempre en Galiza, fai referencia ao carácter nacional do país, lembra que Galiza xa fora "recoñecida pola III Internacional como nación asoballada". Este organismo creárase en marzo de 1919 en Moscova por Lenin e Trotski, dous anos despois da revolución soviética.
Moitos anos despois, en pleno franquismo e co galeguismo dividido entre o exilio e a resistencia cultural, a Unesco recibe en 1954, dous anos despois da entrada do estado español neste organismo, un documento elaborado por Rodolfo Prada e Ramón Piñeiro no que se denuncia o ostracismo ao que estaba sometido o idioma galego polo réxime do xeneral Franco. Este espisodio está analizado no libro do profesor Xesús Alonso Montero A Batalla de Montevideo, no que "desglosa os ataques que o galego sufría por parte da Ditadura, e neste aspecto fai un especial fincapé en Juan Aparicio, Director Xeral de Prensa, do que, entre outras clasificacións defíneo como "fascista que sabe que ten o monopolio das palabras". No libro tamén fai referencia á actitude de Manuel Fraga, emisario do goberno franquista na reunión, ante a Denuncia.