Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OS DEPUTADOS DO PPdeG SAEN DO DEBATE E COLLEN O MEGÁFONO

O PPdeG leva os alcaldes a manifestarse ao pleno e evita responder ás denuncias polo desbalde dos fondos

A dubidosa necesidade de que a anterior consellaría de Agricultura financiase obras tales coma a construcción de piscinas, o reparto discrecional de fondos con privilexio claro para concellos gobernados polo PPdeG, a sinatura de convenios en plena campaña electoral moitas veces aínda no coñecemento de que sería tecnicamente imposíbel cumprir co acordado e comprometendo importantes cotas do orzamento do próximo goberno... Os populares renunciaron este mércores no Parlamento a responder ás acusacións que desde a consellaría de Medio Rural se veñen facendo a conta dos proxectos paralizados e optaron polo boicot do pleno provocando ademais un enfrontamento coa presidenta Dolores Villarino.

- 07:16 24/11/2005
Tags:

Na súa comparecencia este mércores no Parlamento, o conselleiro de Medio Rural explicou que no detalle de irregularidades ao fío dos proxectos comprometidos polo anterior equipo da consellaría de Agricultura detectouse tamén "unha irresponsabilidade en canto ao financiamento do Plan de Infraestruturas con recursos europeos de Desenvolvemento Rural". Segundo Suárez Canal, isto obriga a revisar proxecto a proxecto e advertiu que iso é necesario ademais para "non atopar sorpresas no futuro ante unha posible auditoría da UE, que acabaría prexudicando aos que fan obras que non encaixan dentro do que en Europa se contempla como financiable no desenvolvemento rural".

O conselleiro relatou que "o Plan de Infraestruturas Rurais foi discrecional tanto na súa distribución orzamentaria como na elección de concellos e significa, de entrada, unha deslealdade coa FEGAMP, coa que se acordara un reparto que se modificou a posteriori". Suárez Canal subliñou que o 91% dos fondos eran para os concellos gobernados polo PP, o 4% para os do PSdeG e o 1% para o BNG e avisou que o procedemento do anterior goberno "hipotecaba a acción do goberno entrante nos vindeiros dous anos e ata o 2008 non se poderían emprender novos proxectos, de xeito que nin sequera o Plan de Cooperación que se acordou coa FEGAMP podería ter continuidade".

Lembrándolle aos populares que o Diario Oficial de Galiza recolle toda unha serie de concursos asinados durante os días 14, 15, 16 e 17 de xuño, no que na súa opinión foi "un intento desesperado de incidir nos votantes para impedir a perda da maioría absoluta", insistiu ademais na "dubidosa operatividade para o sector agrogandeiro" de moitas desas iniciativas e reprochoulle ao executivo anterior que "sabía que era administrativa e tecnicamente imposible cumprir o conveniado e de aí se deduce que os asinou sabendo que non se podían realizar e cunha deslealdade total cara o goberno entrante".

A xunta de voceiros do Parlamento galego reuniuse a última hora con ausencia da representación do PPdeG, para asinar unha declaración de denuncia do "intento de conculcar a dignidade dos deputados", esixindo respecto polas institucións. En declaracións para a Radio Galega este xoves, a presidenta do Parlamento, Dolores Villarino, dixo que os populares "non teñen claras cales son as regras do xogo democrático" e advertiulles que "non pode haber nada que impida a actividade democrática dos deputados do Parlamento galego".

Pola súa banda, o PPdeG comunicou que a declaración institucional asinada por Villarino é "unha manipulación máis da Presidenta do Parlamento de Galicia", advertindo que "a Xunta de Portavoces afirma que aprobou por asentimento unha Declaración Institucional, sen dicir que os portavoces do Grupo Parlamentario Popular, así como os membros da Mesa de dito Grupo non estaban presentes en dita Xunta".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: