"O compromiso coas tecnoloxías da información" que a xuízo da Asociación e o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galiza vén tendo a CRTVG fixo á compañía merecedora do premio "A Nosa Rede" que hai un ano estes colectivos lle outorgarán tamén a Vieiros. A AETG-COETG tamén recoñece este ano o labor profesional do escritor e enxeñeiro Xavier Alcalá e no apartado de aplicacións informáticas destaca a ferramenta desenvolvida polo Porto de Celeiro, sistema pioneiro en Europa. Os galardóns entréganse este venres 25 na Noite Galega das Telecomunicacións.
Co premio "A Nosa Rede", os enxeñeiros de telecomunicacións queren recoñecer especialmente a proxectos ou traxectorias no sector que destaquen na achega de beneficios á sociedade en xeral. Baixo eses criterios, hai un ano que a Noite Galega das Telecomunicacións acollía a entrega do galardón a Vieiros, merecente na opinión de AETG e COETG "por representar unha aposta galega para a información en rede, sendo xa unha referencia para todos nós, con sensibilidade especial para todos os temas tecnolóxicos que centran o desenvolvemento do sector TIC en Galiza"
Desta volta, o galardón concédeselle á Compañía de Radio e Televisión de Galiza, que a xuízo dos enxeñeiros de telecomunicacións "desde a súa fundación ten contribuído, mediante a incorporación das novas tecnoloxías, a chegar a máis do 99% dos cidadáns galegos; á normalización lingüística do noso país e á cohesión do territorio, destacando especialmente: o alto compromiso coas TIC dentro da súa propia organización; o desenvolvemento de empresas galegas vinculadas ao sector TIC e o desenvolvemento dunha consolidada industria audiovisual en Galicia".
TIC a pé de porto
O sistema de trazabilidade dixitalizado introducido no Porto de Celeiro, trebello que lle fornece ao consumidor toda a información que lle permite coñecer o rastro que seguíu o peixe que vai consumir "desde o momento no que foi capturado ata o momento mesmo do seu consumo garantizando así o control e a seguridade alimentaria en toda a cadea de valor da pesca", foi escollido para o Premio á Mellor Aplicación TIC 2005.
O acto tamén acollerá a entrega do Premio Ingeniero Gerardo García Campos á Mellor Iniciativa Empresarial no Sector TIC, que lle correspondeu á empresa viguesa Optare Solutions S.L. Por "integrar nun mesmo proxecto a aposta pola innovación e o produto propio e a visión empresarial e de negocio; o fomento do emprego tecnolóxico e polo desenvolvemento de produtos de interese social e empresarial".
Ao tempo vaise aproveitar o acto para a sinatura do Convenio Cidades Dixitais que inclúe a Lugo e Vigo no proxecto que xa se desenvolve nos concellos das Pontes, Vilalba e A Estrada.
Recoñecemento para Xavier Alcalá
Pola súa "decisiva contribución ao desenvolvemento da profesión de enxeñeiro de telecomunicación na comunidade galega, destacando especialmente o seu labor nos ámbitos da docencia, da investigación, do xornalismo e da literatura, achegando o coñecemento das novas tecnoloxías ao conxunto da sociedade", a AETG e o COETG decidiron tamén o outorgamento do título "Enxeñeiro do Ano" a Xavier Alcalá. De paso, tamén acordaron que o director xeral de Caixa Galicia forme parte da lista de socios de honra, distinción que lle conceden entre outros polo
O Director Xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez López, pasa a engrosar no presente ano a lista dos Socios de Honra da AETG-COETG, distinción que premia as personalidades destacadas no
apoio e na promoción do sector TIC en Galicia. As Xuntas Directivas da AETG e do COETG valoraron como razóns determinantes deste recoñecemento o seu liderato en canto a: o alto compromiso coas tecnoloxías da Información e da Comunicación dentro da súa propia organización; a implicación do grupo corporativo de Caixa Galicia en empresas vinculadas ao sector TIC e o "desenvolvemento de novos servizos sociais con soporte tecnolóxico, a través da Obra Social de Caixa Galicia, como os programas Ciberaulas para maiores, Ciberalia ou Imaxinarte".