Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DESTINAN UN MILLÓN DE EUROS PARA A RETIRADA DE SÍMBOLOS FRANQUISTAS

O lento proceso para a recuperación da memoria histórica

"Os pobos que non coñecen a súa historia están condenados a repetila", lembra o lema do cabeceiro da web do colectivo para a recuperación da memoria histórica. A parálise na actividade da comisión interministerial para o estudo da situación das vítimas da Guerra Civil, a última sondaxe do CIS na que un 25% de cidadáns din estar en contra do recoñecemento ás vítimas da guerra e un 43% di non verlle sentido a reparar feitos que xa son historia, as recentes louvanzas de Fraga a Franco... Son exemplo da paradoxal situación da memoria histórica trinta anos despois da morte do ditador, onde na altura de 2005 o goberno decidiu á fin unha partida orzamentaria para a retirada de símbolos franquistas das administracións. Lembrámoslles de paso que este sábado 19 hai convocada unha concentración en Meirás para reclamarlle á familia de Franco a devolución do Pazo.

- 09:15 18/11/2005
Tags:

Para 2006 o goberno haberá de investir un millón de euros na retirada dos símbolos que os edificios de administracións varias aínda herdan da ditadura franquista. Unha emenda de Esquerda Verde aos orzamentos do Estado do ano que vén promoverá ese traballo. Malia todo, IU-ICV presentara outras catro emendas, que foron rexeitadas, e que pedían fixar unha cantidade de ata 30 millóns de euros para os gastos derivados das propostas da comisión interministerial creada no ministerio de Presidencia. Ao tempo, a formación liderada por Gaspar Llamazares pedira tamén que se destinasen dez millóns de euros para compensar ás persoas que sufriron dos chamados "batallóns disciplinarios de traballadores", dez millóns para actuacións varias na recuperación da memoria histórica republicana e seis millóns para reconverter o Valle de los Caídos nun centro de recuperación da memoria histórica.

Precisamente, o Valle de los Caídos é obxeto doutra polémica, xa que IU-ICV pedira autorización a Patrimonio para celebrar unha rolda de prensa neste lugar coma parte das súas propostas para a recuperación da memoria histórica e a acusación dos crimes da ditadura, permiso que lles foi negado, cando paradoxalmente a administración autorizou unha concentración de grupos da extrema dereita en defensa da memoria do ditador.

Contámoslles tamén que a recén creada, na Coruña, Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica, convocou para este sábado 19 unha concentración diante do Pazo de Meirás para reclamarlle á familia de Francisco Franco que llo devolva aos coruñeses. "Pola devolución ao pobo", é o lema dunha convocatoria que subliña o interese cultural do lugar e a posibilidade de que se destine a usos socioculturais, entre os que xa propoñen a posíbel creación dun centro de estudo da recuperación da memoria da Coruña.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: