Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LOGO DA NEGATIVA DE LOUZÁN, CACHARRO E BALTAR

O Parlamento cavila obrigar os presidentes das deputacións a comparecer

Salvador Fernández Moreda, presidente da deputación da Coruña, foi o único en acudir este xoves á chamada do Parlamento de Galiza a responder sobre as contas da institución na comisión de Economía. A ausencia dos respectivos presidentes das deputacións controladas polo PPdeG e a belixerancia deste partido fronte á chamada, levou á presidenta da cámara galega, Dolores Villarino, a solicitar un informe xurídico que avalíe se pode obrigar a Louzán, Cacharro e Baltar a compareceren.

- 08:20 18/11/2005
Tags:

De "paso histórico" cualificou o socialista Fernández Moreda a súa presencia no Parlamento galego este xoves, a primeira ocasión en que un presidente de Deputación acode á institución para dar contas nunha comisión. A ausencia dos presidentes en Pontevedra, Lugo e Ourense serviulle de paso ao deputado do PSdeG Ismael Rego para dubidar da claridade das contas das súas respectivas deputacións, que na súa opinión non resistirían a comparación coa solvencia das contas coruñesas.

Desde a oposición do PPdeG, o deputado Manuel Ruíz Rivas insistiu en que os presidentes das deputacións non tiñan á obriga de responder a esta chamada e asegurou que a comisión parlamentaria se excedera nas súas atribucións ao convocalos. Por este motivo, a presidenta do Parlamento, Dolores Villarino, solicitou dos servizos xurídicos da Cámara a elaboración dun informe sobre a solicitude de comparecencia dos tres políticos populares.

Ao respecto, desde o BNG, a deputada Tareixa Paz insinuou que a ausencia de Louzán, Cacharro e Baltar ten que ver coa súa resistencia a amosaren as contas das deputacións e acusounos de "desprezo a unha institución que representa a todos os cidadáns". Sobre o mesmo asunto, o voceiro do Bloque, Carlos Aymerich, subliñou que as deputacións son "institucións tan caducas coma Manuel Fraga".

Lembrámoslles que o pacto de goberno entre PSdeG e BNG inclúe a vontade de aprobar unha "Lei de Coordinación das Deputacións", norma que tería o obxetivo de controlar os fondos que manexan estas entidades.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: