Viñámoslles contando da vizosa actividade que os defensores das candidaturas de Barreiro e Feijoo para a sucesión no PPdeG manteñen na rede desde hai semanas. Agora, os propios candidatos fan públicas as súas webs oficiais. O primeiro foi este mércores Xosé Manuel Barreiro, quen aproveitou para subliñar que os pactos, se os hai, "deben formarse desde abaixo" co diálogo entre os candidatos e nunca a través da mediación das direccións estatal ou galega ao tempo que el insistiu en que aínda non tivera conversa ao respecto cos seus rivais. Máis improvisado de deseño aparece este xoves o sitio oficial de Alberto Núñez Feijoo, quen se compromete a escribir un diario neste espazo web e a responderlle con periodicidade quincenal aos internautas que queiran remitirlle preguntas. "Esta web é a porta do meu despacho", promete Feijoo.