Non sabemos se para fetichistas da política, fumadores compulsivos ou en proceso de abandono do tabaco ou simplemente coleccionistas de extravagancias, na rede eBay veñen de anunciar a venda dun cinseiro pertencente a Manuel Fraga "no seu día". Con prezo de saída en cincuenta euros un betanceiro saca á poxa o obxecto que presuntamente lle tería afanado unha súa curmá segunda ao ex presidente, empregada no servizo do político popular en Perbes. Co fume teñen tamén que ver as improvisadas noticias, que co subtítulo "práctica", apareceron no blogomillo a pasada semana anunciando a presunta morte do líder popular: vexan o adeus a Fraga "ese gran descoñecido", e outro aviso da morte do veterano líder. A galería fraguiana que lles traemos complétase coa descuberta dunha bitácora apócrifa de Don Manuel.