Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EMENDA AOS ORZAMENTOS XERAIS DO ESTADO DE 2006

ERC pacta co goberno español un fondo para liberar peaxes

Malia que non inclúe inicialmente ningunha dotación económica concreta, a emenda aprobada crea un fondo para o rescate "selectivo" e a "subvención" de peaxes. A supresión das taxas ou a subvención aos usuarios habituais queda en todo caso supeditada a acordos posteriores a fixar entre Estado, gobernos autonómicos e empresas concesionarias do servizo.

- 07:20 17/11/2005
Tags:

Creado xa que logo para afrouxar taxas para os conductores das vías catalanas, para onde a pasada semana CiU rabuñaba outra concesión do goberno español por valor de 12 millóns de euros e coa fin de rebaixar peaxe na AP-7 á altura de Mollet, outras comunidades coma Galiza poderían usar desta posibilidade.

A petición inicial de Esquerra solicitaba que o fondo recibise ingresos das taxas que pagan as propias empresas concesionarias, iniciativa que finalmente non irá adiante segundo ese modelo. Logo dos acordos dos gobernos estatal e autonómico coas empresas, o custo avaliado do rescate das peaxes podería ser financiado cun crédito extraordinario.

Para o caso concreto de Cataluña, o deputado de ERC promotor da demanda, Joan Puigcercós, cavila que o fondo habería de recibir inicialmente cando menos 50 millóns de euros. A medida aplicaríase prioritariamente nas bautizadas "peaxes maduras" por levaren moitos anos en activo.

Lembrámoslles que a Plataforma Cidadá pola Supresión da Peaxe pediu desde Galiza a pasada semana unha xuntanza co ministerio de Fomento para tratar da promesa de gratuidade da peaxe en Rande. Na carta remitida ao ministerio de Magdalena Álvarez sublíñanlle que a ponte de Rande é o único acceso entre o norte e o sur da ría de Vigo e lémbranlle que o investimento realizado para a construción do treito é amortizado cada ano co tráfico que a vía está xerando na actualidade. Ao tempo, lémbranlle que noutras zonas do Estado xa se atenderon reclamacións similares rebaixando prezos ou mesmo directamente suprimindo as peaxes.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: