O ministro de Interior, José Antonio Alonso, afirmou que o goberno español investigará se avións estadounidenses con supostos terroristas con destino a cárceres doutros países fixeron escala en aeroportos do territorio español, en concreto, no de Palma de Mallorca. Alonso asegurou, durante unha entrevista en Tele5, que de confirmarse estes feitos serían "gravísimos e intolerábeis" e poderían afectar" ao nivel de relación entre gobernos", amais de implicar a actividade dos xuíces do Estado e a aplicación da Constitución. O Diario de Mallorca achegou o pasado mes de xuño unha serie de informacións que identificaban os avións, supostamente fletados pola CIA, que facían escala no aeroporto de Son San Joan e que transportaban presuntos terroristas a cárceres de países da Europa do Leste, Exipto, Marrocos ou Afganistán.