Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
POR UN ESPAZO GALEGO DE COMUNICACIÓN

Vieiros, A Nosa Terra, A Peneira, Galicia Hoxe e Tempos promoven unha asociación de medios en galego

Contribuír ao proceso de asentamento dos medios en galego cara a consolidar un espazo comunicativo no noso idioma e fomentar a súa presenza pública é o principal obxectivo da nova Asociación de Medios Escritos en Galego, AME, impulsada polas empresas editoras de A Nosa Terra, A Peneira, Galicia Hoxe, Tempos Novos e VIEIROS. A entidade, que está en proceso de constitución, está aberta a calquera publicación do ámbito da información xeral que sendo editada no pais, estea realizada integramente en galego e que conte cunha periodicidade non superior a dous meses.

- 10:57 10/11/2005
Tags:

A AME nace co ánimo de defender os intereses das empresas que o compoñen e o seu afortalamento dentro do mercado dos medios no país, ademais de contribuír ao proceso de asentamento dos medios en galego de cara a consolidar un espazo comunicativo no noso idioma e fomentar a súa preseza pública.

Outro dos obxectivos é a profesionalización do sector, de xeito que as empresas se doten de estructuras sólidas que garantan a proxección de cada medio de cara a asentar a independencia económica, sostén imprescindible da liberdade de prensa. Entre as funcións da asociación está a representación do sector diante das administracións e promover iniciativas lexislativas e administrativas que promovan a prensa en galego.

Como obxectivos internos, a AME tenta debater colectivamente os temas de interese para o sector e o asesoramento para facer fronte aos problemas profesionais comúns, ademais do intercambio de coñecementos e información entre os seus membros.

Os socios fundadores consideran de grande importancia o papel do sector privado na normalización lingüística neste país, na medida en que estas publicacións son unha plataforma publicitaria cualitativa e cuantitativamente atractiva. Por outra banda, agardan o interese e a implicación das administracións públicas na promoción dos medios en galego, dada a importancia destes no proceso de normalización da lingua e do propio país.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: