Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ORZAMENTOS DA CONSELLARÍA DE MEDIO RURAL

Suárez Canal presenta as novas estratexias para o rural e denuncia o "descontrol multimillonario" dos seus antecesores

"Atopamos unha herdanza que en poucos casos tén que ver co desenvolvemento do medio rural e si con gastos multimillonarios e sen control", reprochoulle o conselleiro de Medio Rural aos populares durante a súa intervención en comisión parlamentaria para explicar as contas do seu departamento. Alfredo Suárez Canal destacou os investimentos previstos para "fixar poboación activa no rural" e detallou unha estratexia deseñada para "a mellora da produción agraria, innovación tecnolóxica e desenvolvemento rural integral", subliñando ademais o esforzo que pretende facerse no labor de prevención contra os incendios durante todo o ano.

- 08:22 10/11/2005
Tags:

A "escaseza de base territorial para as explotacións e as dificultades para garantir o relevo xeracional" foron definidas polo conselleiro coma "as dúas eivas estruturais do rural galego" que a consellaría aspira a corrixir. Con esa fin específica establecéronse dous programas que incluirán o investimento dun total de preto de 36 millóns de euros. Medio Rural definiu unha partida destinada á fixación de poboación activa no rural, con investimento de trinta millóns de euros e salientou coma proxecto estrela o Banco de Terras de Galiza, para o que se destinan 8,6 millónsn de euros, coa meta de "potenciar a mobilidade das terras improdutivas".

"Este debe ser o primeiro paso para o rexuvenecemento dos activos que desenvolven a súa
actividade no medio rural, unha tendencia que esperamos que a sociedade poida visualizar ao final da lexislatura", afirmou Suárez Canal, explicando que a consellaría reducirá os requerimentos para optar a axudas económicas coma parte dos plans para incentivar o relevo xeracional fronte aos abandonos da produción.

Belixerante coa xestión dos conselleiros anteriores, Suárez Canal exemplificou con casos de construción de piscinas ou prospeccións para campos de golf a falta de criterios e os excesos de gasto dos anteriores responsábeis do PPdeG nos departamentos agora baixo competencia da nova consellaría de Medio Rural. Ao tempo, e na liña do que xa insinuara o Consello de Contas, cuestionando o funcionamento dalgunhas entidades locais, anunciou a fin da construción de centros comarcais, que se amosaron "pouco operativos" e a redefinición das sociedades e fundacións comarcais e centros tecnolóxicos.

Loita contra o lume
Suárez Canal explicou que o novo Plan de Prevención contra incendios forestais terá un orzamento de 69,5 millóns de euros, un 9,8% máis, aínda que redefinindo toda a estratexia, e combinado baixo un mando único o funcionamento de todos os medios a nivel da administración autonómica e local.

O "xiro radical" anunciado pola consellaría equilibrará así as partidas de extinción e prevención, ocupándose moi especialmente de que "os traballos de limpeza, desbroce e posta en valor do monte sexan executados durante todo o ano". O Plan inclúe" a planificación de infraestruturas, ordenación dos usos do monte, na definición de zonas de seguridade libres de matogueira que estean preto dos núcleos de poboación, na restauración das zonas degradas polos incendios e a reforestación dos montes".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: