Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NA CARREIRA SUCESORIA

López Veiga achégase a Núñez Feijoo e os cargos populares van definindo posicións

O ex conselleiro de Pesca segue amosando o discurso máis claro na súa loita por gañar espazo entre a militancia do partido cara ao próximo congreso sucesorio. Malia iso, a súa presunta falta de apoios para chegar a esa cita co mínimo de avais necesarios para ser candidato, vai achegándoo cara a outras candidaturas, moi especialmente á de Núñez Feijoo, co que non descarta acordo sempre que este renuncie a calquera negociación con Baltar. Mentres, as cabezas visíbeis do PPdeG van definindo os seus apoios, aínda que paradoxalmente, o presidente da deputación luguesa, afástase agora de Barreiro, a quen apoiara nun primeiro momento.

- 07:26 10/11/2005
Tags:

"Non vou pactar a calquera prezo para conseguir poder", subliñou o ex conselleiro Enrique López Veiga para os micrófonos de Onda Cero. Veiga amosouse disposto ao pacto con outros candidatos, "non vou pecharlle a porta a ninguén", agás co ex conselleiro Xosé Cuíña. Aínda sen citalo directamente, nin a el nin ao presidente da deputación de Ourense, Xosé Luís Baltar, o ex conselleiro de Pesca amosouse moi belixerante con eles, afirmando que "non me gusta quen dá subvencións coma se fosen favores" e lembrou "actitudes pasadas" que os desacreditarían. "Descualifícase por si só quen lle chama inimigo público número un a unha compañeira de partido", comentou en lembranza do veto dos baltaristas sobre a ex deputada ourensá Inmaculada Rodríguez.

E mentres, soprende a agora ambigüidade do presidente da deputación de Lugo, que de apoiar explicitamente a candidatura de Xosé Manuel Barreiro, presidente provincial do partido, pon distancias agora con el, asegurando que no seu momento só realizou unha valoración das dúas únicas candidaturas que nese momento había, a de Barreiro e a de Veiga. A viraxe de Cacharro, poñeríao xa que logo outra vez preto do ex conselleiro Cuíña. Porén, Barreiro recibiu agora o apoio público da ex conselleira Manuela López Besteiro. Mentres, no PPdeG compostelán divídense os apoios, e o presidente do grupo local, Bernardo Tahoces, ponse da beira de Cuíña mentres ca o voceiro municipal, Dositeo Rodríguez, aproxímase a Núñez Feijoo.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: