O prognóstico dun incremento do PIB galego e do norte de Portugal en até un 1,5% que traería esta nova infraestrutura, é argumento abondo significativo, na opinión consensuada este mércores polos alcaldes dos dezaoito concellos que integran o Eixo Atlántico, para seguir insistindo na súa construcción. O presidente de quenda do organismo, o compostelán Xosé Sánchez Bugallo, recoñeceu que a obra cumpriría obxetivos aínda non sendo estritamente un AVE. A dobre vía electrificada e unha media de 160 km/h, serían na súa opinión, "bastante coherentes".
"Hai que buscar solucións imaxinativas", definiu Bugallo sobre a proposta a achegarlle ao goberno portugués para que mude opinión e se comprometa con esta obra. A busca de financiamento privado, a peaxe na sombra... os alcaldes do Eixo Atlántico están convencidos de que é posíbel atopar os cartos necesarios para a construción dunha vía que non tén porque ser "alta velocidade" e cumpriría a súa fin coa "velocidade alta". Este xoves preséntanlle as súas reclamacións ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, coa vontade ademais de que a reivindicación estea na mesa do cumio hispano-luso que terá lugar en Évora o próximo 18 e 19 de novembro.
"Non tén porque ir a 350 km/h", dixo Bugallo, "cunha media de 150 ou 160 Km/h o traxecto entre A Coruña e O Porto non se demoraría máis aló de dúas horas, con paradas incluídas". "Non se debe adiar esta obra alén do 2015. É fundamental para o Eixo Atlántico e debe ademais ser compatíbel para viaxeiros e mercadorías", subliñou, "ademais non pedimos unha rede distinta da actual para este treito, senón que queremos unha rede con dobre vía".