As xornadas "Os incendios forestais en Galiza" deron comezo este luns no Consello da Cultura Galega coa análise da frustración histórica da loita contra o lume. Plácido Baamonde, coordinador das xornadas e ex-subdirector xeral de Defensa contra Incendios Forestais da Xunta, afirma que se pode falar dunha historia recorrente de fracasos na loita contra o lume debido á falla de consenso político á hora de afrontar este problema e debido á falla de conciencia cidadá". Porén, para Baamonde, "non se pode falar de fracaso na prevención e extinción, no esforzo, entrega e alta eficacia dos homes e mulleres que a cotío se enfrontan ao lume".
Baamonde ofreceu unha minuciosa panorámica da historia dos incendios nas últimas décadas, destacando datos como o feito de que desde 1968 ata 1989 queimáronse en Galiza máis dun millón de hectáreas, o que correspondería ao 60% da superficie forestal e o 40% da superficie total de Galiza. Unha cifra que considera na realidade moito maior xa que os datos só computan, por exemplo, os incendios de verán. Este desastre ecolóxico supón, segundo os cálculos deste experto, máis de 460 millóns de euros en perdas, sen considerar os gastos de prevención, detección e extinción.
Sobre o acontecido este ano, Plácido Baamonde denuncia que "o ruído e a furia incendiaria concentrouse no mes de agosto, ardendo arredor de 30.000 hectáreas en pouco máis de 20 días, con incendios fóra de control nalgunhas bisbarras e concellos. Os ignorantes e os escuros seguen polo tanto no seu infame labor de queimar o noso país". Porén, sinala que a percepción de catástrofe, agás nos afectados directamente, non é xeneralizada.
Vixilancia e acción policial
Xunto á concienciación cidadá, Baamonde apunta a importancia de "teimar na vixilancia, a investigación e a acción policial" xa que a caracterización psicolóxica e operativa da maioría dos causantes de incendios, sinala, correspóndese coa tipoloxía de "incendiario en serie", é dicir, que repite ano tras ano movéndose no contorno da súa residencia cotiá.
Pola súa banda, Francisco Díaz-Fierros, responsable da entidade organizadora, a Sección de Ciencia, Técnica e Sociedade do CCG, e coordinador das xornadas xunto a Plácido Baamonde, salienta nesta liña que detrás dos máis de 10.000 incendios que cada ano asolan Galiza hai que buscar causas estructurais e non só puntuais. Entre estas causas, Díaz Fierros apunta as transformacións nos usos e na cultura agraria, co abandono de montes e explotacións, a desertización e outros fenómenos. Este experto tamén advirte de que cando un monte se queima, ademais dunha perda de valor económico, hai uns efectos ecolóxicos, uns danos no aire, no solo, na flora e na fauna a curto e longo prazo e que non só afectan ao terreo onde se produce o lume, como demostra o acontecido coas inundacións en Carnota tralos incendios deste verán.
Para este catedrático de Edafoloxía da Universidade de Santiago, "a solución á problemática dos incendios non é fácil nin inmediata pero si é necesario ter xa claro que é o que está pasando en Galicia cos incendios", con iniciativas como estas xornadas. Unha opinión que comparte o presidente do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta de Haz, quen recoñeceu durante a inauguración esta mañá das xornadas "os esforzos dos servizos de extinción e prevención e a preocupación das autoridades por determinar as causas e autorías dos incendios".
Porén, Zulueta de Haz sinala "a obriga de reclamar avances e melloras na xestión dos incendios e a necesidade de concienciar á sociedade galega á hora de considerar e conservar o monte e o seu potencial ameazado". Recollendo as palabras do conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, o presidente do CCG considera que é preciso "valorizar o noso campo, o noso monte, pois ésa será a mellor política a medio e longo prazo para reducir o número de incendios forestais".
Incendiarios
Os encontros continuaron hoxe cos relatorios do director da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans, que apelou á responsabilidade na xestión e coidado dos montes, e de Francisco Sineiro, que está previsto que aborde as estructuras socioeconómicas como causa do lume. Xa pola tarde, celebrarase unha mesa redonda en torno á problemática dos incendiarios, coa participación de Carlos Varela, fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Álvaro García, fiscal especializado en medio ambiente e incendios forestais, Manuel Bouzas, comisario xefe da Unidade de Policía Autonómica de Galicia, José Furelos, coronel xefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña, e Celso Rodríguez, xefe da Sección Seprona da Coruña.
O programa para mañá contempla, entre outras intervencións, a presenza do conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, de Alberte Blanco, director xeral de Montes e Industrias Forestais, e de representantes de zonas especialmente afectadas polo incendios: o alcalde de Carnota, Xosé Manuel García, o alcalde de Vilardevós (Ourense), José Luis Pérez, o alcalde de Pazos de Borbén (Pontevedra), Andrés Iglesias, o presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Baroña-Porto do Son (A Coruña), Xan Paz, e o presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común-Pontevedra, Xosé Alfredo Pereira.