Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ANUNCIA A PETICIÓN DE 70 COMPETENCIAS AO GOBERNO ESPAÑOL

Touriño volve de Madrid con promesa para a autovía do Cantábrico e optimismo para o Eixo Atlántico

En 2006 estarán en obra todos os treitos da autovía do Cantábrico, segundo informou este xoves o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, á volta da súa xuntanza coa ministra de Fomento, o que podería garantir que a infraestrutura estea lista en 2007. Nese mesmo ano agoirou Touriño que podería estar listo o tren de alta velocidade entre Vigo e A Coruña, no caso de que se cumpra nos próximos meses a promesa de licitación de todos os treitos pendentes. Por outro lado, o presidente anunciou para o próximo día 14 o inicio da negociación do traspaso de competencias co ministerio de Administracións Públicas.

- 08:52 04/11/2005
Tags:

Hai ano e medio non estaba en obra ningún dos treitos pendentes en Galiza da autovía do Cantábrico, a AP8, que unirá Ovieu coa A6 na altura de Vilalba. O propio Emilio Pérez Touriño recoñeceu que unha ducia de treitos nin sequera tiñan proxecto. Así, e da xuntanza coa ministra de Fomento, á que tamén asistiu a conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride, saiu o compromiso de botar adiante a licitación dos treitos pendentes desta vía en terras galegas. Doutra beira, da reunión sae tamén a promesa de que en xaneiro haxa unha proposta de solución para a reclamación da supresión da peaxe na ponte de Rande e máis de presionar para que o goberno luso reconsidere a decisión de non levar a alta velocidade lusa do Porto até Galiza.

Respecto á reclamación de competencias pendentes, Touriño confirmou que o diálogo con Madrid vaise iniciar o 14 deste mes e explicou que o último Consello da Xunta analizou xa un informe sobre os traspasos necesarios. "Trátase de abrir un proceso necesariamente negociado e bilateral entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Administracións Públicas, a través da Vicepresidencia, secretaría de Relacións Institucionais", dixo o presidente da Xunta.

AS reclamacións básicas que se lle remitiron ao ministerio son "a necesidade de medios e servizos para a creación da policía autonómica, a xestión dos aeroportos de interese xeral, a transferencia da titularidade das autoestradas en réxime de concesión, cuxo itinerario que transcorra integramente polo territorio galego ou a xestión do dominio marítimo-terrestre en materia de seguridade náutica, así como a transferencia de centros de investigación do Estado con sede en Galicia e a propia Inspección de Traballo".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: