O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e o conselleiro de Economía, Xosé Ramón Fernández Antonio, téñense pronunciado nos últimos tempos a prol da sede fiscal galega de empresas con importante volume de explotación de recursos no noso país. A recomendación acáelle especialmente a Unión Fenosa, que paga taxas en Madrid e ao respecto pronunciouse este mércores en Galiza o vicepresidente da entidade Honorato López Isla: "malia pagarse fóra xa logo o goberno se encarga da redistribución".
Logo da xuntanza co conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Xosé Luis Méndez Romeu, o vicepresidente de Fenosa entrou a valorar a hipótese de que a empresa beneficie directamente a Galiza a través das súas achegas a Facenda, descartando esa hipótese e recoñecendo que o equipo directivo non entrou a valorar esa posibilidade, asegurando que "malia pagarse fóra xa logo o goberno se encarga da redistribución". Aínda destacando a "raíz galega" de Fenosa, segundo Isla "onde estea a sede non é o importante, senón a súa identificación e a responsabilidade con cada unha das comunidades".
O executivo da eléctrica referiuse tamén ao posíbel papel que Fenosa podería xogar no caso de que a OPA de Gas Natural sobre Endesa poña obstáculos no futuro da planta de Reganosa. Honorato López Isla asegurou que a "imporancia estratéxica" desta iniciativa empresarial avala a disposición de Fenosa a acumular máis accións no proxecto, por riba do 18% que xa posúe na actualidade.
Isla falou tamén das necesidades de mellora da calidade do servizo na rede eléctrica galega, avanzando que a prioridade da empresa está agora na revisión das instalacións das áreas periurbanas, no contorno das principais cidades, que experimentaron un forte crecemento de poboación e consumo nos últimos anos. Prometeu en todo caso que áreas rurais especialmente afectadas polos apagóns serán atendidas tamén de xeito prioritario. Á beira comentou tamén as posibilidades de expansión de R, onde Fenosa suma importante cota, máis alá do servizo xa fornecido nas cidades.