Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PRESENTA CANDIDATURA ESTE VENRES

Feijoo é o último candidato en entrar oficialmente na area sucesoria

Insistira o ex vicepresidente Alberto Núñez Feijoo en aparcar o debate sucesorio deica o próximo congreso de xaneiro pedindo que o PPdeG se centrase no labor de oposición sobre os primeiros pasos do bipartito. Iso non impedira que o seu contorno calibrase o peso da súa candidatura no xogo interno das forzas populares. A presunta solidez dos seus apoios e a decisión dos seus rivais de daren públicos pasos adiante no combate polo liderado do partido decidiuno por fin a facer pública a súa candidatura.

- 07:56 03/11/2005
Tags:

Co título non oficial de candidato preferido pola dirección do partido en Madrid, e coa beizón non explícita de Manuel Fraga pero o impulso da súa condición de ex vicepresidente primeiro e cabeza visíbel do PPdeG á beira do de Vilalba nas últimas eleccións autonómicas, ademais da súa condición de actual vicevoceiro no Parlamento, Alberto Núñez Feijoo brincará publicamente á carreira sucesoria esta semana.

A incerteza sobre a súa candidatura, a última en presentarse logo de Enrique López Veiga, Xosé Manuel Barreiro e Xosé Cuíña, tiña que ver tamén coa intención de Feijoo de dar o paso unha vez que tivese garantido un apoio significativo a nivel interno que o confirmase coma favorito no combate. Almorzos e merendas nos tapadillos populares, ademais do público apoio dos presidentes das deputacións da Coruña e Pontevedra, respectivamente Juan Juncal e Rafael Louzán, aceleraron agora a súa candidatura, agoirándolle bos apoios nas provincias que maior número de compromisarios suman.

Cuíña pon distancia con Fraga
Contámoslles de paso que o ex conselleiro Xosé Cuíña, na semana seguinte á presentación da súa candidatura, nas súas palabras para "refundar o partido", matizaba este mércores as súas palabras logo da referencia crítica que Manuel Fraga facía a esa intención de Cuíña durante a fin de semana. En entrevista na TVG, o ex conselleiro insistía en que "refundar" non significa "destruír" senón refacer e subliñaba que os únicos que poden mudar as súas intencións son "as bases do PPdeG".

Xosé Cuíña recoñecía ademais que logo de trece anos dun "vencello expecialmente bo" con Fraga, esa relación "truncouse". "Xa teño asumida esa situación", afirmou.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: