Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
INTERESES MILITARISTAS E ECONÓMICOS

Tortura na guerra contra o terror

O tratamento da tortura na chamada guerra contra o terror, despois do 11-S, vai converténdose nunha das máis miserables vergonzas do noso tempo. Cando un coidaba que a tortura quedara reducida a un vestixio dos imperios do pasado e da banda máis escura dos réximes autoritarios ou primitivos, xorden Abu Ghraib, Guantánamo e os secuestros selectivos de sospeitosos de terrorismo en terceiros países para seren torturados non se sabe onde –ou en países que manteñen a tortura como o máis cotián método de investigación. Un artigo de Xosé Luís Franco Grande.

- 10:18 02/11/2005
Tags:

Ou sexa, que descubrimos que esas prácticas que un tiña por propias de países bananeiros ou gobernados por tiranos e sátrapas á maneira de Sadam Husein, volvéronse tamén usuais nos usos da primeira potencia mundial, nun país que se ten por abandeirado dos Dereitos Humanos, na súa loita contra o terrorismo.

Inversión de valores

¿Que pasou para que se producise esta inversión de valores ou para que semellante práctica se convertese en norma ben acollida e aínda aconsellada dende o cumio do poder?. No extraordinario libro de Mark Danner, Torture and Truth. América, Abu Ghraib and the war on terror (Granta Books, London 2004), atópase material abondo para afondar nestes e noutros aspectos verdadeiramente estarrecentes da intervención directa da primeira maxistratura dun país na brutal represión terrorista).

É ben certo que hai dúas maneiras moi diferentes de encarar o terrorismo. Por unha banda, a militar dos EE.UU., con intervencións armadas, xa preventivas ou xa con carácter de represalia, que non respecta no plano internacional nin no interno os dereitos fundamentais das persoas e sitúa aos detidos fóra do ámbito da xurisdición dos seus tribunais para fuxir do control xudicial de tales violacións" (Fernández Tomás, "Dos respuestas frente al terrorismo: los modelos europeo y estadounidense", en Papeles de cuestiones internacionales, nº 89, páx. 949).

Este autor engade aínda que a pesar da "súa extrema dureza, este modelo non demostrou unha particular eficacia na loita contra o terrorismo. Máis ben a emprega –di– como pantalla para ocultar intereses xeoestratéxicos e móbiles politicamente incorrectos que non desexa presentar abertamente diante da súa propia opinión pública". Outra forma de encarar o terrorismo é a que a seguiu a Unión Europea, fundando a acción exterior no principio de cooperación internacional nos eidos da seguridade, e a interior procurando unha meirande eficacia policial sen mingua dos dereitos fundamentais.

Fabricar medo e mentiras

J. Pérez Oya e máis eu, paréceme, fomos os únicos en Galicia en nos preocuparmos pola tortura nos nosos días. E tamén os primeiros en subliñar que o poder (e non digamos xa un poder como o dos neocons), en certas situacións, necesita fabricar medo. Por moi certo que sexa que os atentados do 11-S significaron unha situación ben traumática para os EE.UU., cómpre tamén ter moi en conta que, dende as razóns que se deron para atacar Irak, e mesmo Afganistán, ata o día de hoxe, a política de creación e mantemento do medo na sociedade foi unha prioridade moi clara para a Administración daquel país.

En certa maneira, é xa terrorismo esta creación de pánico ao abeiro dunha realidade traumática. Como ten escrito Pérez Oya, non é isto nada novo senón vello pretexto dunha clara teima por chegar a unha seguridade absoluta para os EE.UU dende 1812 ata a guerra das estrelas. E así Parenti, citado por Pérez Oya (The terrorist trap, City Light Books, 2002) sinala que o brutal atentado das Torres Xemelgas foi unha coartada perfecta para que o poder do Capital global prosiga a súa criminal política agresiva e militarista xustificándoa diante dun pobo infantilizado e atemorizado coa proxección dunha poderosa imaxe inconsciente de pai severo (que ten que recortar os seus dereitos sociais) pero que ten que lle ofrecer protección diante do perigo. Algo que semella terse acentuado nos últimos tempos, de crer ao ex-axente da CIA, Daniel Ellsberg, quen no seu libro "Secrets" subliña estas características:

  • 1.- Culto á infalibilidade do Presidente
  • 2.- Aumento do militarismo
  • 3.- A institución da mentira como maneira cotiá entre o poder executivo, a cidadanía e os outros poderes do Estado
  • 4.- Un crecemento canceríxeno do secretismo.

Hai autores que pensan que nos EE.UU. acadou todos os resortes do poder político un grupo de dirixentes "entusiasmados coa idea de que os EE.UU. se volveron unha nova Roma, un coloso non constrinxido por valores, lealdades ou ideais de dereito internacional, polo que semella que o avance do militarismo nos EE.UU. é un feito "irreversible".

Unha vez máis, nas democracias de hoxe, xorde a pantasma da seguridade –o medo xa foi previamente sementado na sociedade– que debe primar sobre a liberdade. Como en tempos de guerra, ou como quixeron, queren e quererán sempre os ditadores.

O artigo completo, na edición impresa de TEMPOS Novos (outubro 2005, nº 101)


0/5 (0 votos)