Un 68,9% dos galegos consideran necesaria a reforma do Estatuto, un 13,8 % estímana como innecesaria e 17,3% non saben ou non contestan a esta cuestión. Aínda que a maioría dos enquisados coincide na necesidade da reforma, a cuestión varía canto á súa urxencia: un 7,19% considérana moi urxente, un 26,25% urxente, un 10,94% necesaria con urxencia relativa e un 24,56% necesaria pouco urxente. Son datos dunha enquisa presentada polo secretario xeral de Relacións Instituicionais, Antón Losada, realizada por medio de chamadas telefónicas a 1.600 cidadáns galegos entre o 26 de setembro ao 9 de outubro.
A necesidade de reforma estatutaria é apoiada por todos os sectores de idade consultados no estudo, sendo a xente máis nova (de 18 a 29 anos) a máis proclive á reforma cun 84,06 por cento de apoios. Con todo, tamén entre os de máis idade (de 65 anos ou máis) son maioría -un 51,48 por cento- os que estiman precisa unha reforma do Estatuto.
Os datos da enquisa reflicten ademais que os votantes de todos os partidos políticos galegos apoian maioritariamente a necesidade da reforma estatutaria: un 55,86 por cento dos votantes do PP nas pasadas eleccións parlamentarias, un 71,51 por cento dos votantes do PSdeG e un 87,23 por cento dos votantes do BNG.
Maiores competencias
O estudo reflicte que un 38,1% dos galegos e galegas apoian que o novo Estatuto asuma as maiores competencias posibles e o desenvolvemento máximo de autogoberno de Galiza. Un 20% consideran que debe haber unha reforma mínima que incorpore algunhas novas competencias, mentres que o 12,9% estiman que o Estatuto está ben como está e non debe moficarse nada.
Pouco máis do 8% apoia a autodeterminación
Cómpre destacar tamén que un 8,31% dos enquisados apoian que o novo Estatuto recoñeza o dereito de autodeterminación de Galiza. A porcentaxe dos que recoñecen para Galiza o dereito de autodeterminación é maior entre os menores de 30 anos, un 15,63% fronte a un 2,51% dos maiores de 65 anos. Por formacións políticas, os votantes do BNG son os máis favorábeis á autodeterminación, un 16,8%, mentres que o 5% dos simpatizantes do PSdeG e do PP tamén se declaran favorábeis a esta posibilidade.
Máis autogoberno
En canto ao alcance da reforma, as novas xeracións son as máis comprometidas co máximo desenvolvemento de autogoberno galego cun 45,31% de apoios. Un 25,97% de persoas de 65 anos ou máis queren que Galiza asuma tamén o máximo nivel de autogoberno, un 42,17% de entre 50 e 64 anos e un 41,26% de entre 30 e 49 anos.
Segundos os resultados do estudo, a maior parte dos votantes de todos os partidos galegos son partidarios dunha ampliación de comptetencias: o 47,4% de votantes do PP, o 64% de votantes do PSdeG e o 72,3% de votantes do BNG.
Crítica maioritaria ao funcionamento da autonomía
Á parte de coñecer a opinión da sociedade galega sobre a necesidade dunha reforma estatutaria, este primeiro estudo da Secretaría de Relacións Institucionais sondeou tamén a opinión dos galegos e galegas sobre o seu grao de satisfacción co funcionamento da comunidade autónoma. O 47,56% dos enquisados móstranse pouco satisfeitos co funcionamento da Autonomía ata o de agora, o 35,88% bastante satisfeitos, o 8,13% nada satisfeitos e o 4,44% moi satisfeitos.
Máis da metade dos galegos -o 55,7%- opinan ademais que a Autonomía ten favorecido a súa identidade como galegos, mentres que o 25,5% están en desacordo ou moi en desacordo con esta información. O 54,8% dos enquisados aseguran tamén que o desenvolvemento da Autonomía e das súas institucións favoreceron a creación dunha imaxe propia de Galiza no exterior.
Segundo os datos desta enquisa, 4 de cada 10 galegos (44,9%) opinan que Galiza está entre as comunidades autónomas con menor nivel de desenvolvemento e outros 4 de cada 10 (47,6%) consideran que Galiza está a medio camiño entre as de maior e menor nivel de desenvolvemento. As xeracións máis novas son neste punto as máis críticas co desenvovemento acadado por Galiza: o 56,25% dos enquisados de entre 18 e 29 anos opinan que Galiza pertence ao grupo de comunidades cun menor nivel de desenvolvemenoto.
Datos técnicos
Esta enquisa sobre o rendemento institucional da autonomía e a necesidade dun novo Estatuto para Galiza foi realizada entre a poboación galega de 18 e máis anos con dereito a voto. Fixéronse 1.600 entrevistas, 400 en cada unha das provincias. As enquisas consistiron en entrevistas telefónicas nos domicilios dos entrevistados, cunha selección aleatoria de teléfonos sobre o conxunto do listín. O estudo desenvolveuse do 26 de setembro ao 9 de outubro de 2005. As entrevistas telefónicas foron realizadas por unha empresa especializada e o gabinete da Secretaría de Relacións Institucionais encargouse do tratamento e análise dos datos.