Definido coma proxecto prioritario en repetidas ocasións, a liña de alta velocidade entre Portugal e Galiza mesmo se vira acelerada nos seus prazos, ao 2009, logo da última xuntanza da ministra de Fomento co reponsábel de Obras Públicas e Transporte do goberno luso. Agora, o executivo de José Sócrates decidiu que esa liña non será construída. Ao tempo, adían os prazos das novas conexións ferroviarias entre Lisboa, O Porto e Madrid.
O modelo ferroviario que inicialmente tiña previsto despregar o goberno portugués incluía catro conexións co Estado español. Ademais dos 1300 millóns de euros que o executivo ía investir en levar o tren de alta velocidade do Porto a Vigo, o plan contemplaba tamén unha liña entre Aveiro e Salamanca, cun custo de 2300 millóns, unha liña Évora-Huelva, con custo de 2600 millóns, e a vía Lisboa-Madrid, con custo previsto de 1900 millóns de euros.
Segundo as informacións publicadas este venres polos diarios Público e Jornal de Negócios, a mediados de novembro o ministerio de Obras Públicas e Transporte, con Mário Lino á fronte, anunciará que o novo plan reduce o investimento a esa última liña Lisboa-Madrid, que será mixta, transportando tamén mercadorías. Lembrámoslles que a incuestionábel infraestrutura ferroviaria deste plan é a vía entre Lisboa e O Porto, onde se invistirán 4500 millóns de euros.
Nos dous casos demóranse significativamente os prazos de construcción. Así, a vía Lisboa-O Porto non estará finalizada antes dun período que vai do 2015 ao 2020 e a que unirá a capital portuguesa coa española probablemente tampouco estaría construída antes do 2020. Este atraso foi xa confirmado polo ministro Lino, que malia iso, non se pronunciou sobre a supresión dos outros proxectos. Ao respecto, a oposición do PSD tense pronunciado tamén de xeito favorábel a que na actual situación de crise económica o goberno portugués mesmo poida renunciar polo de agora á construcción de todas as liñas de alta velocidade.