Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ADVIRTE DUN IMPORTANTE DESEQUILIBRIO PATRIMONIAL

Tirón de orellas do Consello de Contas ao anterior equipo directivo da CRTVG

A CRTVG non só mantén un desequilibrio patrimonial "exercicio tras exercicio", senón que impulsou a precarización dos contratos dos traballadores e concentrou as compras nun pequeno número de provedores. Estas son as tres principais eivas que detectou o Consello de Contas no informe relativo ao ano 2002 sobre a xestión dos medios públicos. O informe cifra en 73 millóns de euros as perdas de explotacións da compañía, un 39% máis que o défice rexistrado o ano anterior. Estes datos sitúan á TVG como a televisión pública con maior desequilibrio financeiro de todo o estado, só superada pola televisión valenciá.

- 08:34 28/10/2005
Tags:

Os fondos da CRTVG, sen contar as transferencias da Xunta, son de 15,4 millóns de euros, mentres que a Compañía da Radio e Televisión catalá dispón de 157 millóns e a ETB vasca 48 millóns. Esta situación de desequilibrio patrimonial que presenta a CRTVG debe corrixirse, segundo o Consello de Contas coa aplicación de medidas urxentes por parte da Xunta. O informe sinala que "os fondos propios da sociedade seguen sendo negativos exercicio tras exercicio e iso a pesar das sucesivas ampliacións de capital realizadas desde 1999". A xestión do equipo dirixido por Francisco Campos provocou que mentres que os fondos propios se reduciron en 5 anos un 50%, o capital procedente da Xunta multiplicouse por 5.

Por outra parte, no ano 2002, o gasto en contratos de traballadores asinados con ETT’s ascendeu a un importe de 6.054.080 euros, cunha media de 63 empregados, que representan o 12 por cento do cadro de persoal. O Consello de Contas lembra que xa en anteriores informes manifestou que a vinculación de numerosos traballadores a través deste tipo de contratos, ademais de supor unha renuncia a un proceso selectivo que respecte os principios de igualdade, publicidade, mérito e capacidade, supón unha discriminación entre os empregados, uns fixos e outros temporais, con distinto convenio. Apunta o Consello que ó contratar a estes traballadores baixo o capítulo "outros traballos externos" estase a imputar o gasto a outro diferente ó de persoal, co que se elude o control orzamentario.

O informe sinala tamén que o anterior equipo directivo concentraba as compras da compañía nun pequeno número de provedores, de tal xeito que 22 deles (o 5,2% do total) acaparan até o 68% das licitacións de obras e servizos.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: