A necesidade dun mapa de concellos "que se axuste máis á realidade" é reflexión destacada no documento que este xoves lle presentou Luciano Fariña, conselleiro maior do Consello de Contas, á presidenta do Parlamento de Galiza, Dolores Villarino. O informe ocúpase tamén de entidades coma as mancomunidades e consorcios, para as que mesmo propón a "disolución" no caso de que se avalíe que teñen unha baixa actividade e son financieiramente inviábeis. Entre outros, a análise salienta o défice no Sergas, que fixa en 117 millóns de euros durante o 2002 e sinala que a CRTVG non só mantén un desequilibrio patrimonial "exercicio tras exercicio", senón que impulsou a precarización dos contratos dos traballadores e concentrou as compras nun pequeno número de provedores.
A propia Federación Galega de Municipios e Provincias promovera non hai moito tempo unha investigación ao respecto, onde se concluía das eivas do mapa municipal galego. Realizado en colaboración coa Universidade de Santiago, daquel informe desprendíase a necesidade de acometer unha reforma das administracións municipais galegas que incluíse a fusión de concellos, subliñando que esa reunión de esforzos e medios melloraría a eficacia do funcionamento dos concellos galegos.
No informe fiscalizador referido ao ano 2002 que presenta agora o Consello de Contas incídese nesa problemática, recomendando un redeseño que se axuste máis á realidade de cara a reforzar a organización, competencias e financiamento das administracións.
O documento que agora chega ao Parlamento para a análise dos seus resultados, destaca ademais o défice de 117 millóns de euros acumulado nese exercicio polo Sergas e lembra o problema das listas de espera e o elevado gasto farmacéutico. Tamén advirte a especial falta de transparencia na xestión de subvencións e axudas que realiza a Deputación de Ourense.