Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O EX-CONSELLEIRO ANUNCIA A SÚA ENTRADA NA CARREIRA SUCESORIA

Xosé Cuíña pretende refundar o PPdeG "en clave galega"

Xosé Cuíña presentouse ante a prensa esta mañá na Alameda da Ferradura en Compostela para anunciar a súa intención de presentar a candidatura á sucesión de Fraga. Cuíña elixiu o fondo da catedral para as fotos do regreso á primeira liña da actividade política. Posteriormente, mantivo unha rolda de prensa, só cos medios escritos en papel, nun céntrico hotel da cidade. Cuíña asegurou que o obxectivo da súa candidatura é "refundar" o proxecto do partido en clave galega sen paliativos e radicalmente democrática" para poder saír da "encrucillada na que hoxe está instalado".

- 12:44 27/10/2005
Tags:

"Logo de Fraga pódenme igualar en traballo en favor do PP, pero dubido moito que haxa quen me supere", advertira o pasado mes de xuño Xosé Cuíña. O ex conselleiro aproveitaba en plena campaña o escenario mitineiro de Lalín, baluarte natal e seguro do cuiñismo durante moito tempo, para unha arenga con boa cota para o consumo interno dos populares galegos: "prefiro morrer no coliseo coma os bos gladiadores", desafiara daquela.

Morrer no coliseo "antes que facerme vello na grada da pasividade". Velaí a vontade manifesta de dar batalla na inminente guerra sucesoria que Xosé Cuíña xa insinuaba o pasado mes de xuño, a poucos días do descalabro electoral do PPdeG baixo o liderado esmorecente de Manuel Fraga.

O día antes Mariano Rajoy adicáralle ao ex conselleiro un pequeno pau que evidenciaba a preocupación desde a dirección madrileña pola toma de posicións dos cuiñistas cara a apertura da sucesión fraguiana. "Miren onde está Cuíña hoxe e onde Mariano Rajoy", eran as palabras de Rajoy. Nesa xornada mitineira en terras do Deza, e con Mariano Rajoy sentado en primeira fila, Xosé Cuíña subía ao escenario e daba pistas do que andaba remoendo, subliñando na súa intervención que nunca pedira explicitamente ser o sucesor de Manuel Fraga. Remataba en todo caso cun aviso: "nunca pedín nada que non me corresponda polos meus propios méritos". Na súa quenda diante do micrófono, Rajoy trataba de afrouxar tensión: "Cuíña e máis eu pasamos por moitas, pero sempre vencemos".

Aos 55 anos de idade, o que fora secretario xeral do PPdeG e man dereita de Manuel Fraga durante máis dunha ducia de anos, aspira agora a coller o temón do partido que tan preto tivo noutros tempos.

De momento, é o terceiro candidato que se apunta públicamente á carreira sucesoria, despois de que xa o fixeran Henrique López Veiga e Xosé Manuel Barreiro. Está previsto que o cuarto probábel competidor, Alberte Núñez Feijoo, o favorito da dirección madrileña do PP, anuncie a súa candidatura nos próximos días.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: