Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AGOIRO DE SATURACIÓN EN RANDE

Adíase a alternativa á AP-9

A vía entre Pontevedra e Vigo, paralela á actual autoestrada pero baixo o modelo de autovía coa que especularon en campaña electoral populares e socialistas coma alternativa para liberar de peaxe ese treito, semella adiarse coma proxecto. A súa dispoñibilidade cara ao 2010 dependerá en principio do éxito da presión que desde o bipartito aseguran ir facer sobre o ministerio de Fomento para axilizar a obra, malia que prometen alternativas ao respecto concreto da Ponte de Rande, treito para o que a propia conselleira de Política Territorial agoira o "colapso" en pouco tempo.

- 06:38 27/10/2005
Tags:

"A Xunta xa se puxo en contacto con Fomento e coa concesionaria para tentar buscarlle unha alternativa á peaxe", asegurou María Xosé Caride, conselleira de Política Territorial. Caride insistiu en que se cumprirá a promesa saída logo da xuntanza do presidente da Xunta co presidente do goberno español, onde se anunciou solución para a peaxe, que a conselleira asegurou que se presentará a comezos do próximo ano 2006. Co crecente volume de tráfico na autoestrada, Caride recoñeceu que en pouco tempo a vía amosará unha clara saturación na altura de Rande e agoirou que a alternativa non estará lista antes do 2010.

Por outro lado, a conselleira referiuse tamén ás autovís do Salnés, do Barbanza, Santiago-Brión, Carballo-Fisterra e de Ourense deica a fronteira portuguesa. "Haberá peaxe na sombra, pero vaino pagar a Xunta", comentou. María Xosé Caride referíase así ao que foi aberta polémica do anterior goberno do PPdeG con socialistas e nacionalistas. A daquela oposición reprochoulle aos populares tentar de xeito encuberto converter esas infraestruturas en treitos de peaxe, utilizando a fórmula de concesión. Agora, o bipartito confirma que non variará a escolla do anterior executivo e que esas vías se construirán con encargo a empresas concesionarias da súa execución a cambio de poderen explotalas.

Caride fixo estas explicacións durante a presentación dos orzamentos da consellaría de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes. O departamento contará en 2006 cun total de 454 millóns de euros, unha suba do 12% respecto a 2005 e tres puntos por riba da media de incremento do orzamento xeral da Xunta.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: