O conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, anunciou que suspenderá "moi probabelmente" a concesión de 24 licenzas de minicentrais eléctricas adxudicadas nos últimos meses do anterior goberno da Xunta e negociará unha moratoria para 13 proxectos máis que contan co expediente de instalación concedido, pero están pendentes de algún trámite. Durante a súa comparecencia no pleno do parlamento, Vázquez acusou ao goberno Fraga de "caer nun furor licitador" de minicentrais e criticou a sobreexplotación dos ríos galegos debido á concesión indiscriminada de minicentrais, especialmente nas concas do Ulla e do Deza, con 15 e 20 proxectos hidráulicos. "Non é normal que un trámite que habitualmente dura entre 2 e 3 anos se realizase en 2 ou 3 meses", sinalou.