Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PROHIBICIÓN DE CONCENTRAR AVES EN FEIRAS E MERCADOS

Medio Rural garante que se están tomando as medidas necesarias para previr a peste aviaria en Galiza

A partir de hoxe entra en vigor a prohibición de concentrar aves en feiras, mercados e eventos culturais en todo o territorio galego, segundo anunciaron esta mañá os representantes da consellaría de Medio Rural. Porén, as transaccións comerciais de aves de curral vivas poderán seguir realizándose nos establecementos pechados e autorizados para a súa venda. O director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, Antonio Fernández Oca, e o subdirector xeral de Gandería, Francisco Chivite, sinalaron que "nestes intres non existe ningunha circunstancia que faga temer a aparición dun caso desta patoloxía animal en Galiza".

- 11:22 26/10/2005
Tags:

O director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria tamén se referiu á recomendación de establecer medidas que impidan o contacto entre as aves silvestres e as de curral dentro das explotacións. Neste sentido, Antonio Oca Fernández sinalou que "aínda que ningún dos 18 humidais declarados zonas de risco polo Ministerio de Agricultura está en Galiza, a Consellería do Medio Rural estudará a posibilidade de decretar algunha zona de especial protección dentro da comunidade." Para iso localizaránse os humidais que se sitúan na ruta das aves migratorias que chegan cada ano a Galicia co fin de intensificar neses espazos e no seu contorno as mostraxes que realizan os veterinarios da Xunta tanto a aves silvestres como de curral.

Precisamente, o subdirector xeral de Gandería dixo que a migración das aves invernantes acaba de comezar na nosa comunidade e que durará ata o vindeiro mes de marzo. "Un período no que se tomarán 272 mostras repartidas nun 70% entre especies acuáticas continentais (patos, gansos, etc) por ser as que máis contacto teñen coas aves migratorias, nun 20% mariñas e nun 10% doutro tipo como rapaces ou pombas", detallou Francisco Chivite Mosquera. Polo dagora ningún dos resultados das mostras enviadas ao Laboratorio de Referencia de Alxete (Madrid) deron positivo. Os representantes da Consellería explicaron que o 80% do total das aves que invernan en Galicia proceden de países nórdicos e centroeuropeos (Holanda, Francia, Alemania ou Irlanda) nos que non se detectou ata o momento influenza aviar.

Polo demais, Francisco Chivite temén fixo referencia ás análises que se están levando a cabo nas 47 granxas galegas seleccionadas segundo o plan de vixianza estatal para a detección desta patoloxía. Os veterinarios dependentes da Xunta xa realizaron o 100% das probas nas provincias de Lugo e Ourense, que concentran a maior parte das explotacións avícolas do noso país. O subdirector xeral de Gandería avanzou que "unha vez que se remate coas mostraxes esixidas, a Consellería vai continuar cos controis e incluso os irá incrementando progresivamente a medida que se detecten máis casos desta enfermidade no marco comunitario".

Polo demais, os representantes de Medio Rural suliñaron que ningún dos zoolóxicos que existen na nosa comunidade está situado dentro dunha zona de risco, polo que non será necesaria a vacinación masiva das aves que permanezan en liberdade dentro das súas instalacións.

Tanto Francisco Chivite como Antonio Oca matizaron que "nestes intres non existe ningunha circunstancia que faga temer a aparición dun caso desta patoloxía animal en Galicia" pero que, "aínda así a Consellería do Medio Rural ten elaborado un protocolo de actuación que inclúe a existencia de material necesario para utilizar en caso da aparición dun foco." Ademais cada certo tempo reúnese o Comité de Alerta Sanitaria Veterinaria de Galicia formado por representantes da Consellería e especialistas en epidemioloxía e enfermidades infecciosas para analizar a evolución da enfermidade a nivel mundial e os recursos que existen na actualidade para a súa prevención.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: