Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CARA AO RELEVO DE MANUEL FRAGA

O "factor Cuíña" mexe as tapadelas da sucesión no PPdeG

Na convicción de que a candidatura de consenso é xa imposíbel na carreira sucesoria do partido, o propio Manuel Fraga tén chamado nos últimos tempos aos candidatos declarados e potenciais a entendérense e chegar cun máximo de dúas candidaturas á cita congresual de xaneiro. Enrique López Veiga e Xosé Manuel Barreiro son os únicos que de momento anunciaron oficialmente que están na carreira. Logo que a prensa especulase coa posibilidade de que Xosé Cuíña cree un novo partido no caso de fracasar na loita polo liderado no PPdeG e do seu desmentido desa intención, Cuíña podería adiantar a esta mesma semana a presentación pública da súa candidatura para aclarar a situación. Mentres, na rede abrolla Sucesión.net un novo e-foro popular que segue a rumoroloxía das revoltas internas do PP galego.

- 09:31 26/10/2005
Tags:

O criterio publicamente expresado por Manuel Fraga nos últimos meses segue perdendo peso ao fío que avanza o tempo cara o congreso que en xaneiro o apartara definitivamente do liderado no Partido Popular en Galiza. Á beira das súas advertencias contra os que "andan argallando por aí", Fraga tén insistido en que os dirixentes do partido non deberan posicionarse publicamente a prol de ningún dos candidatos á sucesión. A recomendación vén sendo rachada polos baróns provinciais, claves no reparto de apoios para os aspirantes, e de momento foi Rafael Louzán, en Pontevedra, o único en non posicionarse claramente, aínda que sectores populares vencéllano coa candidatura, aínda non pública, de Núñez Feijoo.

Desde Ourense, Xosé Luís Baltar significouse especialmente no público desafío ás recomendacións fraguianas. O presidente da deputación de Ourense asegurou, ao tempo que subliñaba o seu apoio a Xosé Cuíña, que non existe risco de escisión e que lle garante o apoio ao candidato que resulte vencedor. Mentres, o candidato lugués, Xosé Manuel Barreiro, potencial punto de encontro do sector da boina e o do birrete, repetiu en Compostela a presentación da candidatura que fixera inicialmente en Lugo, con discurso moderado e marcando distancias co seu vello padriño lugués, o presidente da deputación provincial, Francisco Cacharro Pardo, autor de belixerantes declaracións contra as outras candidaturas.

Na Coruña, o presidente provincial, o alcalde ferrolán Juan Juncal, apoia a opción de Alberto Núñez Feijoo nesta loita, que podería demorar a presentación da súa candidatura até estar seguro de contar cos apoios imprescindíbeis para o triunfo. Feijoo tén insistido ademais en que os populares galegos deberan concentrarse neste momento no traballo de oposición ao goberno bipartito e deixar os debates do PPdeG para máis adiante. Os dous ex vicepresidentes, Barreiro e Feijoo, asoman coma os probábeis competidores na cita congresual do 14 e 15 de xaneiro de 2006, onde con todo, as novas normas fixadas pola dirección popular imposibilitan que nese Congreso se vote a catro candidatos. Prudentes os dous no seu discurso, o labor axitador correspóndelle de momento ao ex conselleiro de Pesca, López Veiga, quen mesmo asegurou que demitiría se o PP cae en votos nas próximas eleccións municipais. Alén de promesas, esa cita municipal no camiño cara ás próximas autonómicas, podería influír tamén no proceso de consolidación do novo líder, poñendo en cuestión ao vencedor no congreso de xaneiro se o PPdeG perde peso de xeito importante nesa cita coas urnas.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: