A ciclista de montaña Eva Castro conseguiu esta fin de semana a Copa de España de eslalon dual, ao vencer na última das probas desputada en Santa Eulàlia de Ronçana. É o quinto título da oleirensa nesta competición.
Eva Castro, do SCR-Specialized, acaba de pechar a tempada do mellor xeito posíbel, conseguindo a proba máis importante das que se celebran no estado, a Copa de España. A de Oleiros venceu no eslalon de Santa Eulàlia de Ronçana e conseguiu a vitoria na xeral, un triunfo para o que lle abondaba puntuar e no que tivo que superar unha lesión no cóbado.
A este importante éxito hai que engadirlle a consecución do subcampionato estatal de descenso, o 10º posto da proba viguesa da Copa do Mundo de Four Cross e o 9º logrado na localidade alemá de Willingen. A lesión no cóbado privouna de participar nas probas da Copa do Mundo de Pila (Aosta) e de Fort William (Escocia). Eva Castro quedou finalmente de 23ª nun campionato que levou a estadounidense Jill Kintner. A prata foi para a nerlandesa Anneke Beerten e o bronce para a checa Jana Horáková.