Os orzamentos da Xunta para 2006 serán un 9% superiores aos do ano anterior, chegarán case aos 10.000 millóns de euros e céntranse, segundo o goberno galego, en cinco eixos de actuación principal: a modernización económica, o emprego estable e de calidade, a mellora da sanidade, o compromiso social e o equilibrio territorial. O Consello da Xunta aprobou esta mañá a proposta de Proxecto de Lei dos Orzamentos Xerais de Galiza para 2006, que Touriño definiu como os "orzamentos do cambio". O presidente da Xunta fixou como obxectivos básicos do próximo exercicio unha taxa de crecemento do 3,4% do PIB, a creación de 31.000 empregos netos e situar a taxa de paro de Galiza por debaixo do 10%. Por outra parte, o BNG e o goberno español chegaron este xoves a un acordo sobre os Orzamentos do Estado para o 2006. Deste xeito, o BNG non presentará emenda á totalidade ao proxecto de lei dos orzamentos estatais despois de chegar a un acordo co goberno español no que se garante un incremento de 30 millóns de euros nos investimentos previstos para Galiza no vindeiro ano.
Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Emilio Pérez Touriño, sinalou que o novo goberno de coalición foi quen de aprobar "en tempo e forma" un novo proxecto "nun curto espazo de tempo", a diferenza do que fixera o anterior executivo cando asumiu o mando ao inicio da lexislatura, que prorrogara os anteriormente existentes.
Touriño afirmou que a proposta do goberno "son os orzamentos da modernidade de Galiza". Ademais, engadiu que son "un esforzo extraordinario para capitalizar a economía do país" e "unha aposta polo crecemento económico". O presidente da Xunta asegurou que implican "unha taxa de crecemento do 3,4% do PIB e a creación de 31.000 empregos netos no vindeiro ano". Touriño salientou que un dos obxectivos será "situar a taxa de paro de Galicia por debaixo do 10%". Touriño destacou que as contas para 2006 "non son de continuidade, senón que marcan dende o primeiro momento a diferenza substancial no compromiso co electorado que votou o 19 de xuño cambio e renovación en torno aos compromisos de emprego e do compromiso social".
Prioridade para os investimentos en I+D+i
O maior incremento rexístrase na partida destinada a I+D+i, que medra un 39,05% cento en relación co ano pasado. O proxecto de lei suprime, como mostra de "rigor orzamentario e transparencia, a lei de acompañamento dos orzamentos, aprobada o ano pasado e crea un rexistro de subvencións.
Os orzamentos da Xunta para 2006 tamén inclúen un incremento do 25,7% no investimento en modernización empresarial, un 12,9% o referente a infraestruturas e un 9,2 % as achegas da Xunta para Educación.
Para a creación de emprego estábel e de calidade, o goberno galego incrementará as partidas orzamentarias nesta materia un 18,7%, acadando un volume total de 298,7 millóns de euros.
Tamén crecerán por riba da media os orzamentos da Sanidade. En 2006 incrementaranse nun 11,7% o diñeiro público dedicado á Sanidade, o que supón acadar un volume de investimento total de 3.157 millóns de euros.
Políticas sociais
As partidas destinadas ás políticas sociais contarán o ano que ven con 435,13 millóns de euros, o que supón un incremento dun 13,7%. Do mesmo xeito, os servizos sociais acusarán unha alza do 15,1 por cento (242 millóns de euros); o sector da vivenda, cun pulo ao alugueiro, rehabilitación e adquisición, contará cunha partida de 182,8 millóns de euros, superior nun 11,7% á do 2005.
Os orzamentos aprobados hoxe contemplan tamén incrementar os fondos destinados á cooperación e axuda ao desenvolvemento e á emigración nun 18,7% e os que teñen como finalidade fomentar a cultura e o deporte nun 10,20 por cento.
As políticas encamiñadas a mellorar o equilibrio territorial contarán cunha suba do 16,8 %, no relativo ao Fondo de Cooperación Local. Ademais, este ano porá en marcha o Plan de Reequilibrio Territorial, que disporá en 2006 con 150 millóns de euros para o seu desenvolvemento.
Quintana: "Estes orzamentos son os mellores na situación actual"
O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, cualificou os orzamentos da Xunta de 2006 como "os posíbeis e os mellores na situación actual" logo dos gobernos de Manuel Fraga, que "deixou cuantiosos compromisos sen definición clara". Quintana advertiu que, algún día, haberá que falar "claramente" destes "compromisos adquiridos" durante os madatos de Fraga e que terá que "reconducir" o novo executivo.
O vicepresidente nacionalista salientou que a Xunta pasa do "gasto irracional e sen sentido" ao gasto "racional" que ten como obxectivo "a xeración de riqueza para o país".