O recurso contra a decisión do xuíz de Pedraz de lanzar unha orde de busca e captura dos militares implicados na morte de Couso foi xa presentado pola fiscalía da Audiencia Nacional. Ao respecto, o Fiscal Xeral do Estado, Cándido Conde Pumpido, dixo este xoves que a orde ditada polo xuíz da Audiencia Nacional "é xuridicamente discutíbel" e defendeu o recurso da fiscalía da Audiencia Nacional contra o auto. Desde a Xunta, o secretario xeral da Vicepresidencia, Antón Losada, expresou a súa "incredulidade e incomprensión" ante esta decisión. Losada asegurou que "resulta sorprendente que o fiscal se poña a facer doutrina xudicial en lugar e ocuparse da consecución efectiva de xustiza".
Segundo a fiscalía, ao non terse ditado un auto de prisión contra os militares, non existe fundamento para a publicación dunha orde internacional de detención para a extradición, na liña do que establece a Lei de Enxuizamento Criminal. Á beira, o fiscal destaca tamén entre os seus argumentos para o recorrer a orde do xuíz que a querela que deu orixe a este procedemento non foi admitida a trámite no seu momento.
O Pentágono di que xa "cooperou" na investigación e que "non hai culpábeis" da morte de Couso
"O mando central norteamericano que coordina accións en Iraq investigou o accidente por completo e determinou que os soldados estadounidenses actuaron da forma axeitada durante unha acción de combate", así respondía nas últimas horas Barry Venable, tenente coronel do exército USA, desde o Pentágono, na primeira resposta pública á petición do maxistrado español para a detención dos presuntos culpábeis da morte de Couso.
"O departamendo de Defensa xa cooperou previamente co goberno español", defendeu o voceiro do Pentágono nas primeiras declaracións logo da solicitude do maxistrado Santiago Pedraz. Segundo esta resposta pública o Pentágono asegura que achegou toda a información necesaria sobre o acontecido o día que morreu Xosé Couso e tamén sobre a investigación despregada posteriormente polo exército estadounidense. Ao respecto, lembrámoslles que a petición do xuíz Pedraz tén un dos seus argumentos principais xustamente no presunto défice de cooperación da administración estadounidense neste caso.
Aínda manifestando que o Pentágono "toma en consideración calquera alegación sobre presuntas violacións de leis de guerra polos soldados USA", desde o executivo estadounidense teiman en manifestar que segundo o informe sobre o acontecido naquela xornada, cando o exército USA causou a morte do cámara galego e doutro xornalista da axencia Reuters, "os soldados actuaron de acordo coas regras do enfrontamento".
A Xunta apoia o auto de busca e captura contra os tres militares estadounidenses
O secretario xeral da Vicepresidencia da Xunta, Antón Losada considera esta decisión xudicial un importante avance cara a existencia dunha xustiza penal internacional. Losada púxose xa en contacto coa avogada da familia Couso para transmitirlles esta mensaxe e "poñer a maquinaria de Relacións Institucionais da vicepresidencia ao seu dispor" para calquera impulso necesario neste proceso xudicial diante do Ministerio de Xustiza.
Losada engadiu ademais que "como galego e como membro da Administración galega sinto unha especial satisfacción ao ver que o crime cometido contra un galego pode ser perseguido e castigado". O secretario xeral de Relacións Institucionais destacou tamén que esta orde emitida dende a Audiencia Nacional supón que "a xustiza mantén a porta aberta" e comprometeu neste esforzo "todos os nosos recursos ao seu servizo".